Mos vén de celebrar unha nova reunión da mesa de negociación sindical, co obxectivo de tratar unha modificación puntual da Relación de Postos de Traballo (RPT) de cara ao orzamento municipal do ano 2026.
O encontro contou coa presenza da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, do concelleiro de Persoal e tenente de alcaldesa, Leo Costas, da xefa de Persoal do Concello, representantes das tres centrais sindicais con representación —C.S.I.F., C.C.O.O. e C.I.G.—, así como persoal técnico da empresa que presta asesoramento ao departamento de Persoal nesta materia.
Durante a sesión, o goberno municipal trasladou aos sindicatos a memoria técnica que recolle a proposta organizativa dos postos de traballo para o vindeiro ano. A intención é estruturar e organizar as necesidades de persoal nos distintos departamentos municipais, co fin de incluír esta planificación no orzamento do 2026.
A proposta presentada polo executivo local atópase xa nun estado avanzado e prevese que poida ser pechada de maneira consensuada cos tres sindicatos nunha segunda sesión da mesa de negociación que terá lugar nas vindeiras semanas. O obxectivo é que este acordo definitivo se alcance a principios do verán, permitindo así a súa incorporación ao proxecto orzamentario do 2026, que o Concello ten previsto aprobar no último trimestre deste ano.
Entre os puntos destacados da proposta da alcaldesa Nidia Arévalo figura un notable incremento da dotación para o persoal de servizos excepcionais, nunha partida que ascendería 250.000 euros, co fin de reforzar a calidade e eficiencia dos servizos municipais.