O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible mellorará os tempos de viaxe e aumentará o número de prazas dispoñibles no corredor ferroviario de alta velocidade Galicia-Madrid para viaxar a partir do 9 de xuño, data na que Renfe porá en marcha unha nova oferta con máis trens da serie 106 en circulación, en substitución dos tradicionais Alvia. A compañía sacará á venda os billetes proximamente.
Segundo indica o Minsiterio que dirixe o socialista Óscar Puente, o obxectivo é «a ampliación da venda e facilitar aos viaxeiros a planificación dos seus desprazamentos de cara ao período estival«.
Desde a posta en servizo dos novos trens S106 en Galicia en maio de 2024, as conexións con Madrid melloraron con traxectos cun menor tempo de viaxe, máis prazas ofertadas (os S106 ofrecen máis de 500 prazas), mellores prestacións e frecuencias, a estrea do AVE máis aló de Ourense (Santiago, A Coruña, Vilagarcía, Pontevedra e Vigo), e prezos máis axustados grazas á posta en servizo dos Avlo.
Coa chegada deste tipo de trens de rodadura desprazable melloráronse os tempos de viaxe de Santiago, Pontevedra, Vigo e A Coruña con Madrid nuns 20 minutos.
En canto ao total de prazas no corredor Galicia-Madrid, a partir do 9 de xuño Renfe pasará a ofertar un 90% máis de media, con respecto a abril de 2024 (antes de poñerse en servizo os S106). A oferta global Galicia-Madrid desde este día será de 11 frecuencias.
Conexións
A implantación dos novos trens S106 e os novos servizos tense estado realizando en fases desde maio do ano pasado, coa intención de prestar aos viaxeiros cada vez máis servizos AVE e Avlo, en substitución dos trens Alvia, para «dar máis prazas, mellores tempos de viaxe e maior confort«.
Está previsto que os billetes para viaxar a partir do 9 de xuño e ata outubro desde as cidades galegas a Madrid, con paso por Castela e León, saian á venda proximamente. Isto permitirá aos viaxeiros adquirir billetes para todo o verán no corredor Galicia-Madrid.