O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, anunciou a súa intención de adiantar o congreso nacional do partido para celebralo o 5 e 6 de xullo en Madrid e confirmou que presentará a súa candidatura para seguir sendo o seu presidente.
Ante os baróns do partido, reunidos na Comisión Executiva Nacional, apostou por celebrar ese congreso para “activar o partido, preparalo para facer fronte nas urnas a Pedro Sánchez e deseñar desde xa unha alternativa de goberno definitiva sólida e decidida”.
O conclave do PP
“Si, imos pasar do conclave do papa ao conclave do PP”, proclamou o líder popular, quen explicou que leva tempo reflexionando sobre o oportuno de adiantar o congreso, unha decisión que tomou pola “decadencia do Goberno” ante os numerosos casos de corrupción no seu contorno.
Citou, neste contexto, a imputación da esposa do presidente Pedro Sánchez, Begoña Gómez, o procesamento do seu irmán, David Sánchez e as “sospeitas” sobre o fiscal xeral do estado, Álvaro García Ortiz.
Un Goberno, engadiu, “obrigado a falar de lingotes, de festas, de furgonetas e de bolseiras», que ten un “apoio fixo-descontinuo no Consello de Ministros” e que é “inexistente no Congreso”, xa que non ten orzamentos, nin tampouco “vergoña”.
O Partido Socialista, afirmou, “foi expropiado polo sanchismo”, mentres que a Vox “caéulles o patriotismo porque antepuxeron unha palmadiña nas costas dos seus aliados estranxeiros aos intereses” de España.

