Os grupos municipais da oposición en Salvaterra de Miño, BNG e PSdG, veñen de denunciar a falta de facultativos médicos no Centro de Saúde da localidade dende o pasado mes de decembro “chegando a que en certas ocasións haxa tan só unha profesional para atender tanto a pacientes rutinarios como de urxencias”.
Os grupos aseguran que “dende finais de decembro o cupo dunha doutora está sen cubrir, e dende o pasado 10 de febreiro outro cupo está sen ser atentido, sendo en total ao redor de 3000 veciños e veciñas os que se atopan sen médico“.
O centro conta cun total de seis facultativos, dos que dende hai case dous meses, tan só están cubertos catro deles. Dende o grupo nacionalista afirman que “isto é algo que se está repetindo no tempo, e que se está a convertir nunha medida estrutural e non nunha cuestión puntual“.
Pola súa banda, o grupo socialista manifesta a súa preocupación ante “o descoñecemento de se dende alcaldía se dirixise ao Xerente da Área Sanitaria para explorar posibles solucións ante a falta de facultativos“. E aseguran que “é imprescindible solicitar unha reunión urxente co Xerente”.
Así mesmo, ambos grupos aseguran que “un municipio de máis de 10.000 habitantes como é Salvaterra, e que vai en ascenso, precisa de servizos sanitarios de calidade, con servizo de urxencias pola tarde, xinecoloxía ou saúde mental“.

