Martes, Febreiro 3, 2026
HomeNewsComarcasO Comité de Empresa de Levantina, no Porriño: "Sobramos todos, queren facer...

O Comité de Empresa de Levantina, no Porriño: “Sobramos todos, queren facer negocio cos terreos”

O Comité de Empresa de Levantina, no Porriño, así como os sindicatos de CCOO, UGT e CIG califican a actual situación dos traballadores e das traballadoras desta planta de “delicada”. Explican, nun comunicado, que “esgótase o tempo para salvar máis de 100 empregos“. Refírense ao ERE que a dirección pretende aplicar a máis de 100 persoas traballadoras o que “en moitos dos casos significa perder o traballo de toda a vida”.

Neste contexto, “desde a representación legal dos traballadores e traballadoras opoñémonos frontalmente á formulación da Dirección de Levantina tanto pola forma, a través de despedimentos masivos e baratos, como polo fondo do que pretenden”. Os sindicatos consideran que “pretenden pechar a planta nuns meses e facer negocio coa venda dos terreos“.

CCOO, UXT e CIG explican que “levamos dúas semanas de negociación no período de consultas e xa nos sobrou tempo para coñecer que a vontade desta dirección de Levantina é marcharse do Porriño si ou si”. De feito, indican que “sobramos todos e todas porque din que non lles interesa o granito, que non é un negocio”. Aseguran, ademais, que “intentaron razoar durante este período alternativas que contemplen o mantemento da actividade industrial no Porriño”, pero “as respostas da dirección de Levantina son que non se pode, que non é rendible, que non lles interesa”.

Así, explican no comunicado que “non queda outra que buscar un grupo investidor que queira continuar coa actividade industrial no Porriño” e “salvar unha parte importante dos postos de traballo na nosa empresa, por este motivo reunímonos coas administraicóns”. Piden celeridade neste proceso posto que “quedan 15 días para finalizar o período de consultas do ERE”.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS