Os traballadores e as traballadoras do Concello de Ourense farán a folga que tiñan prevista para este xoves 31 de outubro, pero non levarán a cabo a manifestación “en solidariedade coas vítimas da DANA”, segundo apuntan nun comunicado.
Deste xeito, os representantes dos traballadores e as traballadoras do Concello de Ourense informan de que “o 31 de outubro non se celebrará a manifestación da folga que percorrería as rúas da cidade”. No seu lugar, ás 12:00 horas, “haberá unha concentración silenciosa na Praza Maior como mostra de respecto coas vítimas e damnificados da catástrofe en Valencia e en Castela a Mancha”.
Nun comunicado conxunto, os sindicatos indican que “a folga mantense para o 31 de outubro pero neste caso coa concentración silenciosa de respecto na Praza Maior ás 12:00 horas”. Do mesmo xeito, para o día 4 de novembro, “mantense a folga e a manifestación, que neste caso será desde a Subdelegación do Goberno ata a Praza Maior”.

