Venres, Febreiro 6, 2026
HomeNewsActualidadePropoñen crear a taxa turística en Vigo para evitar "o excursionismo de...

Propoñen crear a taxa turística en Vigo para evitar “o excursionismo de masas”

O Bloque Nacionalista Galego vén de propor que se abra o debate con respecto á aplicación na cidade de Vigo dunha taxa turística. Con ese obxectivo, demandan ao Goberno municipal de Abel Caballero que o Concello elabore en colaboración coa Universidade de Vigo un estudo técnico.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, defendeu que este debate é “imprescindible diante do aumento moi agudo do turismo que recibe a nosa cidade”. Neste sentido sinalou que, “en datos do INE, a cidade de Vigo recibiu no ano 2023 3,28 turistas por cada habitante, superando en termos totais o turismo recibido por Santiago de Compostela”.

Ademais, o nacionalista indica que “rexistrouse un aumento dun 72,47% das pernoctacións hoteleiras nos últimos dez anos, pasando de menos de 575 mil, no 2013, a case 1 millón o pasado ano”.

Como é a taxa turística en Vigo?

Igrexas explicou que para o BNG “a taxa turística  debe ter por obxectivo que o turismo contribúa tamén ao sostemento dos gastos que supón para a cidade e que arestora están a ser asumidos a cargo das viguesas e dos vigueses e que permita paliar os impactos negativos que a actividade turística ten para a cidade”.

Neste sentido, o nacionalista indica que “cremos que pode e debe ser tamén unha medida que poña couto ao brutal avance do fenómeno ultraespeculativo dos pisos turísticos”, acrecentou.

Esta é a motivación que leva ás nacionalistas a demandar do Goberno municipal que o Concello elabore, en colaboración coa Uvigo, un estudo como xa o realizado por outras cidades que permita determinar a necesidade e características que debería ter esta taxa atendendo ao tipo de turismo que se recibe na cidade, “cunha forte presenza, por exemplo, de cruceristas”.

“Entendemos que a taxa turística pode ser unha medida útil no camiño de impulsarmos un modelo de turismo sustentábel e non masificado, que xere retornos e achegue valor engadido, desenvolvendo as enormes potencialidades da cidade no ámbito do turismo MICE, cultural, ecolóxico e deportivo”, argumenta o portavoz municipal nacionalista.

Unha proposta que defenden, apuntou, “desde o compromiso de avanzar cara a un Vigo máis habitable e medio ambientalmente sustentable que non fique reducido a un parque temático para o excursionismo de masas”.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS