O Consello da Xunta aproba a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC), de patrimonio inmaterial, da festa do Corpus Christi de Ponteareas.
Confirmouno o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior á celebración da reunión semanal do Goberno autonómico, este luns.
O recoñecemento chega tras os informes favorables do Museo do Pobo Galego, a Universidade de Santiago de Compostela e o Consello da Cultura Galega, “culminando así un proceso no que non se rexistraron alegacións”.
O decreto valora non só a festividade en si, senón tamén os rituais, cerimonias e técnicas artesanais tradicionais asociadas a ela.
Así, a documentación conclúe que o Corpus Christi “constitúe un ritual festivo recoñecido polo seu uso social e cerimonial cunha alta pegada de coñecementos populares sobre a natureza, os elementos naturais e os ciclos do campo”.
Valórase, así mesmo, a confección dun conxunto artístico dotado de variadas representacións e símbolos, “cunha significación cultural que vai máis aló do ámbito relixioso para vincularse coa cultura popular”. Influíu tamén, segundo apuntan, o “elevado” coñecemento e desenvolvemento de técnicas artesanais tradicionais.
A declaración favorable recolle de igual maneira o impacto da festa a nivel económico e todo o conxunto de actos que se desenvolven ao redor dela. Subliñan a súa capacidade integradora e potencial como activo económico de base cultural”, así como “a gran acollida aos visitantes”.

