O novo ministro de Sanidade de España xa é o santiagués José Manuel Miñones. Recibiu a carteira en Madrid de mans da ministra saínte, Carolina Darias, candidata do PSOE á Alcaldía das Palmas de Gran Canaria.
O ministro de Sanidade, José Miñones:
Na súa primeira intervención como ministro, Miñones quixo defender un sistema sanitario “público, universal e de calidade” e engadiu: “As miñas primeiras palabras son de recoñecemento e apoio á sanidade pública, un dos maiores logros que conseguimos como país, que nos fai grandes como nación”.
Tras prometer antes o cargo ante o rei Felipe VI no Palacio da Zarzuela, o novo ministro insistiu en que dentro do Goberno español vai defender “un modelo sanitario público, universal, de calidade, equitativo e sostíbel, sensíbel ás necesidades da cidadanía”. “Así o fixo até o de agora o Goberno e así o seguiremos a facer”.
Tamén Miñones recoñeceu o “enorme traballo” dos seus predecesores no cargo por “toda a súa dedicación e profesionalidade”, citando especialmente a Darias.

