martes, abril 16, 2024
InicioNewsO PaísSanidade pecha prazas, parques e praias en horario nocturno

Sanidade pecha prazas, parques e praias en horario nocturno

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, explica que a Xunta pechará «os espazos onde habitualmente se celebran botellóns como parques, praias ou prazas» dende as 00:00 horas ata as 06:00 horas.

Da reunión do Comité Clínico que asesora á Xunta na pandemia da COVID-19 determinouse que, a partir do sábado 10 de xullo, pecharase os espazos nos que, polo xeral, a xente moza adoita facer os «botellóns», unhas xuntanzas que están prohibidas. Do peche destes lugares serán os concellos correspondentes os encargados de facelo efectivo.

Precisamente, o titular de Sanidade, Julio García Comesaña, quixo mandar unha mensaxe á mocidade galega, apelando á responsabiliade individual. Solicita tamén o conselleiro a colaboración da xente nova posto que intensificarán os cribados nas idades comprendidas entre 19 e 35 anos co fin de detectar  persoas asintomáticas que espallan o virus sen decatarse.

Na conferencia de prensa posterior á reunión do comité, García Comesaña avanzou tamén que o SERGAS traballa xa nunha nova modalidade voluntaria de cribado, » mediante a que se poderá solicitar a realización dunha proba PCR, sen necesidade de ter unha cita previa», segundo sinalou.

Lamentou o conselleiro que “o nivel de adherencia aos cribados nesta franxa de idade é francamente baixo”, convidando aos mozos e mozas galegas que acudan as súas citas, para conseguir atallar a expansión do virus. Insisitu en que «a desescalada está en perigo en Galicia» polo incremento da incidencia e o número de contaxios, sobre todo, entre os mozos e as mozas.

 

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES