martes, abril 16, 2024
InicioActualidadeCultura“Pontevedra e América. Unha mirada en feminino” chega a Vigo

“Pontevedra e América. Unha mirada en feminino” chega a Vigo

A mostra itinerante da Deputación de Pontevedra e da Cátedra Iberoamericana da Universidade de Santiago de Compostela (USC) “Pontevedra e América. Unha mirada en feminino”, que pon en valor a historia de trece mulleres cuxo nexo de unión é a emigración e a relación entre Pontevedra e o outro lado do Atlántico, chega este xoves, 11 de xaneiro, á Praza do Centro Comercial Vialia Estación de Vigo.

Trala apertura da mostra, ás 19:00 horas, María Cadaval, directora da Cátedra Iberoamericana; Mª Xosé Rodríguez Galdo catedrática emérita de Historia e Institucións Económicas da USC, e María Xosé Porteiro, adxunta á Valedora do Pobo e unha das protagonistas da exposición, impartirán unha conferencia na Sala Inmersiva da Estación na que renderán homenaxe ás 13 mulleres que forman parte de “Pontevedra e América. Unha mirada en feminino”.

Bernarda Pereira, Blanca Rodríguez, Margarita Bilbatúa, Sofía Novoa, Concepción Pazo, Chita Lamas, Rosina Villaverde, Antía Cal, Reyna Pastor, Concha Nogueira, Isaura Abelairas, María Xosé Porteiro e Noemí Cendón son as protagonistas da exposición. Mulleres, todas elas, para as que Pontevedra marcou unha parte importante da súa experiencia vital, ao mesmo tempo inserida nas súas vivencias en terras americanas, en países como Brasil, Cuba ou Arxentina. O tempo transcorrido en Pontevedra e o vivido en América, se ben distintos en época, duración ou circunstancias persoais, entre outros factores é o que as une a todas. Para unhas América constitúe o seu lugar de nacemento, outras manterán unha intensa e prolongada vivencia naqueles países, sendo noutros casos a estadía máis curta, pero non menos intensa. Despois de pasar por Vialia Estación de Vigo, onde poderá visitarse ata o vindeiro 11 de febreiro, a mostra “Pontevedra e América. Unha mirada en feminino” continuará o seu percorrido polos concellos da provincia

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES