jueves, abril 25, 2024
InicioNewsO PaísO voto particular da sentenza advertía dos danos de Ence ao litoral

O voto particular da sentenza advertía dos danos de Ence ao litoral

A maxistrada que emitiu voto particular na sentenza que avala a prórroga á fábrica de Ence na ría de Pontevedra considerou que se debía confirmar a decisión da Audiencia Nacional de anular esta concesión, para o que fai referencia ao «dano» da actividade da planta de celulosas no litoral sobre o que se asenta.

No ditame, que se deu a coñecer este mércores, esta maxistrada advirte de que «non pode esquecerse que a prórroga extraordinaria da que aquí se trata, que (…) afecta usos incompatibles co dominio público marítimo terrestre, ten unha duración de ata 75 anos que se superpoñen aos 30 anos que derivan do réxime transitorio da Lei de Costas de 1988».

Ademais, «en supostos como o de autos, engadiríanse, ademais, ao período que vai desde o outorgamento da concesión, en moitos casos para mediados do século XX ou mesmo antes».

Sobre esta «extensión temporal», segundo lembra a maxistrada que emitiu o voto particular, «chamou a atención o Consello de Estado». Así, apunta a un ditame co que advertía de que «vai acabar producindo un sistema transitorio dun século de duración, co impacto potencialmente irreversible sobre estes ecosistemas tan delicados», o que «pode facer irreversible o dano causado» ao dominio público marítimo terrestre «impedindo a súa conservación e a sustentabilidade do seu uso ou xerando enormes custos a longo prazo na súa rehabilitación ou restauración, coas consecuentes consecuencias económicas que un principio de valorización a curto prazo impide previr».

Estas «razóns» enténdeas a maxistrada «máis que suficientes para ser tidas en conta» na interpretación que propón «en harmonización dos diversos valores e bens constitucionais en xogo».

Hai un mes transcendeu que a sección quinta da sala do contencioso-administrativo do Tribunal Supremo estimou os recursos presentados por Ence e outras entidades contra as sentenzas da Audiencia Nacional que anularon a prórroga que determinaba a continuidade da factoría na ría de Pontevedra ata o ano 2073.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES