viernes, marzo 29, 2024
InicioNewsO PaísO selo que garante o seguro coronavirus

O selo que garante o seguro coronavirus

Un selo garantirá aos viaxeiros que durman nalgún aloxamento turístico galego que están cubertos polo seguro coronavirus.

 O vicepresidente primeiro da Xunta presentou hoxe os selos que poderán lucir os aloxamentos turísticos galegos que garanten aos seus clientes a cobertura do seguro coronavirus e reforzan a imaxe de Galicia como destino seguro.

Os adhesivos que acreditan a hoteis, hostais, albergues e outras hospedaxes como establecementos adscritos ao seguro fronte á covid-19 son un paso máis no obxectivo da Xunta de Galicia de ofrecer aos turistas e peregrinos un plus de tranquilidade que consolide a confianza do visitante en Galicia e na súa hostalería.

Da man do sector, o Goberno galego puxo en marcha unha iniciativa pioneira que está a ser imitada noutras comunidades autónomas e que garante a cobertura dos gastos sanitarios e de hospedaxe de calquera turista ou peregrino que, na súa visita a Galicia, resulte contaxiado da covid-19.

Na presentación do seguro coronavirus, no hotel Costa Vella de Santiago de Compostela, Alfonso Rueda precisou que os seus beneficiarios non teñen máis que xustificar que se aloxan nun establecemento da rede galega ou que están a facer o Camiño de Santiago, xa que a súa activación -cun ano de vixencia- é automática, de tal maneira que os visitantes que están a chegar neste mes de xuño –van máis de 9.000 tendo en conta unicamente os peregrinos que recolleron a compostela– están xa cubertos polo seguro coronavirus.

Entre as coberturas que oferta este seguro atópanse os gastos médicos, cirúrxicos, farmacéuticos e de hospitalización pola covid-19, así como a repatriación sanitaria ou por falecemento, ademais da prolongación da estadía por corentena con gastos ilimitados.

Alfonso Rueda aledouse de que a recuperación do turismo sexa unha realidade e de que Galicia, que xa está preparada para recibir visitantes e peregrinos, poida agora recoller os froitos do traballo realizado nestes meses de pandemia, coa habilitación das rutas xacobeas, as medidas de seguridade nos albergues, as axudas ao sector turístico para adaptarse aos protocolos sanitarios e o seguro coronavirus. Medidas todas elas encamiñadas a reforzar a marca Galicia como destino de confianza e de calidade.

 

 
ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES