jueves, marzo 28, 2024
InicioNewsO PaísO Parlamento lembra a poeta universal galega no seu aniversario

O Parlamento lembra a poeta universal galega no seu aniversario

O Parlamento de Galicia acolleu unha homenaxe a Rosalía de Castro, na véspera do seu aniversario, e Santalices chamou a «manter vivo o seu legado» 

 Na véspera do aniversario de Rosalía de Castro, o presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira, foi o encargado de clausurar o acto recordando que “a mellor homenaxe que podemos dedicar a Rosalía de Castro ou a calquera outro escritor é relermos a súa obra». 

Santalices Vieira reiterou o “compromiso e a vocación rosaliana» do Parlamento de Galicia e apuntou, dirixíndose ao presidente do Padroado da Fundación Rosalía de Castro, que “poden contar connosco na nobre tarefa de inmortalizar o legado literario e espiritual da nosa poeta universal». 

A xuízo de Santalices, unha das claves da vixencia da obra rosaliana explícase pola súa condición de “poeta universal, mais firmemente ancorada no corazón das galegas e dos galegos de hoxe, de onte e de sempre». Por iso, “mantermos vivo o seu legado é unha responsabilidade compartida, da que todos somos partícipes». 

O titular do Parlamento de Galicia lembrou tamén que o Día das Letras Galegas (dedicado este ano a Francisco Fernández del Riego) se celebrou por vez primeira en 1963, para honrar a figura de Rosalía de Castro coincidindo co centenario de Cantares Gallegos. A celebración fora proposta precisamente por Francisco Fernández del Riego canda outros dous académicos máis, Gómez Román e Ferro Couselo. 

O acto contou tamén coas intervencións do presidente do Padroado da Fundación Rosalía de Castro e o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia. O cuarteto tradicional “Aire Xulia» interpretou a Alborada de Rosalía de Castro ao remate do acto.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES