viernes, abril 19, 2024
InicioNewsO PaísA Xunta rexeita o reparto das axudas estatales para a carne por...

A Xunta rexeita o reparto das axudas estatales para a carne por «insuficientes» e «discriminatorias»

A Consellería do Medio Rural alegará para que o Ministerio de Agricultura reclame á UE que permita mobilizar fondos do Feader para pagar axudas directas ao vacún de carne.

 

A Xunta considera que as axudas propostas polo Goberno central dentro do seu plan de choque para o vacún de carne son claramente insuficientes e discriminatorias en relación con outros sectores, coma o lácteo, e por iso vai presentar as alegacións oportunas. Así o trasladou hoxe o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, nunha xuntanza coa Asociación de gandeiros de Ternera Gallega Suprema, que tivo lugar no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo.

Segundo Balseiros, o Estado debería ter en conta que a situación do sector de vacún de carne é aínda peor ca do lácteo, xa que está afectado pola venda a perdas xeneralizada que se dá nos sectores primarios en xeral e vén arrastrando dende hai meses grandes dificultades polo diferencial entre os prezos que perciben os gandeiros e os seus custos de produción, que son moi superiores.

Ademais, a Consellería do Medio Rural alegará para que o Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA) reclame á Unión Europea que permita mobilizar recursos do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) para pagar axudas directas a este eido produtivo. Pedirase esa flexibilización para beneficiar un sector especialmente necesitado e que, no caso de Galicia, ten un peso moi importante a nivel nacional.

Produción e facturación do sector galego

 

Así, a nosa comunidade aporta unha produción anual de 95.600 toneladas, cunha facturación de 414 millóns de euros no 2021, o que representa case o 15% da produción total de España. Canto á indicación xeográfica protexida (IXP) Ternera Gallega, certificou 104.638 canais en 2021, o que supuxo un total de 23.695 toneladas de carne, cun valor económico de 137 millóns de euros. Este selo agrupa un total de 8.488 explotacións e 99 industrias cárnicas. A estas cifras económicas hai que engadir o impacto das preto de 20.000 explotacións cárnicas e das industrias e empresas da distribución asociadas para a dinamización e cohesión do rural, contribuíndo a fixar poboación.

Na súa intervención neste encontro con gandeiros, José Balseiros puxo en valor ademais o acordo histórico asinado recentemente -e coordinado pola Xunta- para frear a venda a perdas no vacún de carne. Así, lembrou que a cadea de valor deste sector e a indicación xeográfica protexida (IXP) Ternera Gallega subscribiron un protocolo de entendemento que busca garantir o futuro das explotacións dignificando as rendas dos gandeiros, ao tempo que se traballa para frear a venda perdas neste eido.

 

Particularidades de Ternera Gallega

 

A maiores, o director xeral sinalou que esta vía para a carne aberta en Galicia co devandito acordo responde ás particularidades da IXP Ternera Gallega, que permite que este protocolo se poida subscribir no noso ámbito autonómico. Isto é así porque todos os seus canais certificados proceden de explotacións gandeiras localizadas en territorio galego, os animais tamén son sacrificados en instalacións situadas en Galicia e o 60% da súa produción comercialízase en territorio da nosa comunidade.

No caso do lácteo, malia que as entregas de leite en Galicia representan arredor do 40% do total nacional, boa parte do proceso de transformación excede o territorio da nosa comunidade e moito dese leite comercialízase fóra de Galicia, de aí que a Xunta considere imprescindible a implicación do Estado.

O director xeral insistiu tamén en que cómpre asegurar o cumprimento da Lei da cadea alimentaria, evitando a destrución de valor en todos os elos da cadea e revertendo a actual situación de venda a perdas xeneralizada que está afogando o sector. Por iso, salientou, a Xunta iniciou a posta en marcha do observatorio da cadea alimentaria da nosa comunidade. As súas principais finalidades son as de mellorar o funcionamento da cadea alimentaria, procurar un maior equilibrio e transparencia nas relacións entre os diferentes operadores e fortalecer o sector produtor, con vistas a conseguir uns prezos xustos, que sempre cubran os custos de produción. Nesta mesma liña, Balseiros destacou tamén a posta en marcha dunha nova unidade dentro da Consellería do Medio Rural que asume as funcións da Axencia de Control Alimentario en Galicia, con fin de reforzar o labor do observatorio en materia de control.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES