viernes, marzo 29, 2024
InicioNewsO PaísA Xunta aborda coa FEGAMP o cumprimento das medidas anticovid na hostalería

A Xunta aborda coa FEGAMP o cumprimento das medidas anticovid na hostalería

A Xunta abordará na Comisión Galega de Cooperación Local a colaboración coas policías locais para o cumprimento das medidas anticovid nos establecementos hostaleiros

 

Durante a súa comparecencia trala reunión do Consello e despois de lembrar que no día de hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a primeira das dúas liñas do II Plan de Rescate con 75 millóns de euros que, sumados ao I Plan de Rescate, supoñen 160 millóns de euros mobilizados en apenas 4 meses, o vicepresidente primeiro destacou que “máis alá do apoio económico, queremos que o sector teña un horizonte de estabilidade e seguridade”.

Neste sentido, incidiu en que o Plan de hostalería segura está baseado en tres piares fundamentais: a máxima seguridade para entrar, a máxima seguridade ante un posible gromo e o máximo control das persoas clientes dos locais. Para iso, Rueda remarcou a necesidade de que os establecementos da hostalería cumpran as normas antes de volver abrir co único fin de garantir a seguridade e a permanencia desas aperturas.

Ao longo da súa intervención, o vicepresidente primeiro explicou que a reunión do Consello serviu para sentar as bases do que mañá se tratará na Comisión Galega de Cooperación Local que manterá cos membros da Fegamp que a integran en representación das entidades locais de Galicia, concellos e deputacións. Así, acordouse demandar aos concellos a necesidade de asegurar o cumprimento das restricións vixentes nos establecementos abertos ao público con licenza municipal, ben coa súa propia Policía Local ou co apoio do resto de Corpos e Forzas de Seguridade no caso de que teñan menos de dous axentes ou non dispoñan de corpo propio, como así o recolle a normativa autonómica mediante a Lei de espectáculos públicos.

“Esta é unha chamada á colaboración”, aseverou, explicando que o obxectivo é que as forzas e corpos de seguridade comproben o cumprimento das medidas de prevención. Trátase, pois, de vixiar que o local informa da capacidade máxima permitida, que se respecta o horario de apertura e peche e que, tanto os clientes como os empregados, cumpren coa distancia mínima de seguridade e o uso obrigatorio de máscara.

Alfonso Rueda concluíu transmitindo a súa seguridade de que o plan contará coa colaboración de todas as entidades locais no convencemento de que este é o camiño o que máis interesa aos profesionais da hostalería para que poidan volver traballar sen ter que dar pasos atrás.

 
 
ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES