viernes, marzo 29, 2024
InicioNewsO País"A candidatura galega aos Fondos Next Generation conta con 354 proxectos viables"

«A candidatura galega aos Fondos Next Generation conta con 354 proxectos viables»

Núñez Feijóo presidiu hoxe un Consello monográfico sobre os proxectos de Galicia aos fondos europeos de recuperación.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que a candidatura galega aos fondos Next Generation conta xa con 354 proxectos “maduros e viables” e cun orzamento estimado de 19.698 millóns de euros.

Tras a celebración dun Consello monográfico, para abordar os proxectos de Galicia aos fondos europeos de recuperación, Feijóo aseverou que cada un dos 354 proxectos, dos que 247 pertencen ao sector público da administración (o 65,4%) e 107 a sectores económicos e industriais (o 34,6%), reúnen os requisitos necesarios para poder conseguilos.

Así, recordou que se identificaron cinco cadeas de valor, aliñadas cos obxectivos que marca Europa e España, e sobre as que estas iniciativas buscan ter un maior impacto: a economía circular e transición enerxética; a mobilidade sustentable; os hubs de innovación, a industria 4.0 e as TIC; a cadea mar-industria e o agro-industria, para potenciar un crecemento cohesionado; e a sanidade, os modos de vida saudables e a nova economía dos coidados.

Nesta liña, e nun primeiro termo, o titular do Goberno galego aseverou que a Estratexia Next Generation Galicia ten como un dos seus grandes obxectivos a recuperación e o crecemento do tecido empresarial, buscando potenciar ás pemes e micropemes, que supoñen o 96% do total das empresas, na captación dos fondos. Unha idea que casa con outra das claves sobre as que se apoia a estratexia: a colaboración público-privada. Sobre este aspecto, Feijóo salientou o traballo desenvolvido pola Xunta para crear contornas colaborativas e incentivar a participación da iniciativa privada, a través de mecanismos como a Sociedade Impulsora.

«Unha oportunidade para redefinir un novo modelo económico»

Como terceiro punto, subliñou que nesta estratexia a I+D+i concíbese como un elemento transversal a todos os proxectos, “xa que hai que ter en conta que estamos falando de obxectivos compartidos que transcenden sectores, a transición dixital, a transición ecolóxica ou reindustrialización”, precisou. Como cuarto obxectivo, Feijóo aseverou que os fondos Next Generation son unha oportunidade excepcional para redefinir un novo modelo económico máis dixital, máis sustentable e máis resiliente. “Non só estamos vivindo unha era de cambios, senón un cambio de era” dixo.

Nese sentido, salientou que estes fondos poden ser unha vacina económica contra a pandemia para volver a unha senda de crecemento e de creación de emprego que abandonamos en 2019.

Así mesmo, avanzou que na reunión de mañá trasladará o informe avaliado no Consello da Xunta e o traballo realizado aos responsables dos partidos da oposición. “Levamos desde outubro abertos a coñecer as súas propostas e espero que con este informe que presentamos hoxe como candidatura galega poidamos pechar a Comisión parlamentaria de reactivación, na que sería unha boa noticia acordar”, abundou.

Finalmente, o presidente da Xunta aproveitou a súa intervención para pedir transparencia e certezas novamente ao Goberno central, así como que se exerza a cogobernanza real previamente comprometida para que as comunidades poidan ter unha participación máis activa. “Pedímoslle ao Goberno que sexa un árbitro imparcial”, sentenciou.

«Catro retos para á economía»

A rolda de prensa continuou coa intervención do vicepresidente económico que expuxo as novidades da candidatura galega, para posteriormente dar paso ao resto de conselleiras e conselleiros que explicaron os principais proxectos da súa área.

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, explicou que a primeira cadea de valor, a da economía circular e a transición enerxética, agrupa 126 proxectos, o 36% das 354 iniciativas que presenta Galicia. A segunda, que ten que ver coa mobilidade sustentable, abrangue 32 proxectos, o 9% do total. Á terceira, que engloba os Hubs de innovación dixital, a Industria 4.0 e as TICS, pertencen 56 propostas, o 16%. Á cadea de valor mar-industria, agro industria e ligada ao crecemento cohesionado, forman parte 71 proxectos, o 20% do total. E finalmente, o eido sanitario, os modos de vida saudables e a nova economía dos coidados son os ámbitos de actuación de 69 iniciativas, o 19%.

Conde precisou que os proxectos que promove a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, baséanse en catro retos: a transición ecolóxica, a transformación e modernización empresarial, a competitividade das pemes e a captación e retención de talento. Como principais iniciativas que está a impulsar a Vicepresidencia económica citou a de converter o hidróxeno verde nunha fonte de enerxía alternativa en Galicia promovendo a instalación de plantas de produción. Unha delas, proxectada nas Pontes, de 50MW ampliables ata os 100MW. Tamén mencionou os 1000MW de enerxía eólica e solar que se prevé desenvolver en Galicia como nova potencia renovable. Ambas as dúas iniciativas forman parte do Polo para a Transformación de Galicia.

Xunto con estes proxectos, desde a Vicepresidencia económica tamén se van promover iniciativas para impulsar o sector da biotecnoloxía e consolidar un ecosistema de I+D+i para o descubrimento e desenvolvemento de fármacos como, por exemplo, o proxecto do Grupo Zendal, que conta coa colaboración da Xunta. Ademais, destacou o Polo Aeroespacial de Galicia e o apoio para a dixitalización das pemes, como outros dous proxectos tractores que vai apoiar o seu departamento.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, salientou pola súa banda que os fondos Next Generation son unha oportunidade crucial para a cadea mar-industria de Galicia no contexto actual de alerta sanitaria polo coronavirus e lembrou que o sector -que dá emprego a máis de 40.000 persoas e supera os 8.000 millóns de euros de facturación anual- tivo un papel determinante durante a pandemia para subministrar alimentos de calidade a cidadanía.

Por iso, apostou por dirixir os fondos a adaptar o sector aos retos da actividade extractiva e comercial dos produtos do mar con iniciativas baseadas na modernización e na sustentabilidade económica, social e ambiental da produción. Nesa liña, a Consellería do Mar traballa en proxectos como aumentar a capacidade de produción de semente de moluscos bivalvos, a adecuación da comercialización ás novas demandas da sociedade -aproveitando os pasos dados na dixitalización e na trazabilidade- e en afondar na recollida de lixo mariño e a súa valorización. Trátase de iniciativas que se coordinan coas do propio sector para acadar un tecido produtivo moderno, sostible e que fomente a cohesión social.

 

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES