O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, acompañado polo delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, presentou na igrexa de Nosa Señora das Dores, en Ferrol, os traballos de restauración que a Xunta iniciará nos vindeiros días e que permitirán resolver as súas patoloxías.

Trátase dunha actuación dotada con preto de 250.000 euros dirixida a poñer en valor este templo, de gran importancia pola súa vinculación coa celebración da Semana Santa ferrolá, declarada de Interese Turístico Internacional.

O titular de Cultura da Xunta salientou a importancia da igrexa das Dores, sede da confraría homónima, de aí “o agarimo e orgullo que xera entre os veciños e confrades de Ferrol”, afirmou. “É un templo cun papel moi relevante na vida cultural e relixiosa da cidade e cómpre actuar para evitar un maior deterioro”, declarou.

Lembrou que a actuación neste ben enmárcase no “firme compromiso do Goberno galego por restaurar, conservar e protexer o legado patrimonial da Comunidade”. Con esa finalidade, a Xunta incrementa este ano un 19% o investimento nesta materia, afirmou o conselleiro, “para impulsar a recuperación do mellor do noso pasado”, con especial atención a áreas como o Camiño de Santiago, neste caso o Camiño Inglés.

Precisamente na cidade de Ferrol, a Xunta rehabilitará tamén a igrexa de Angustias, un proxecto de 115.000€ xa adxudicado que tamén se atopa nos últimos trámites administrativos antes do inicio da obra. En conxunto, “ambas restauracións teñen un orzamento de preto de 400.000€ cos que a Semana Santa de Ferrol estreará dous dos seus templos na Semana Santa de 2022”, despois de dous anos sen procesións.

¿E ti, es de Tweet?