Serán os concellos os que darán apoio a hostalería e outros sectores afectados pola crise da Covid-19.

A Deputación de Pontevedra incrementará o Plan Concellos para posibilitar axudas á hostalería e outros sectores, e serán as propias corporacións locais cos seus medios os que tramiten estas axudas, segundo puido saber SI RADIO de fontes do executivo da Deputación de Pontevedra.

Estas axudas póñense en marcha apos do fracaso de crear un Fondo Único participado pola Xunta, Concellos e Deputacións pero que non foi posible por falta de entendemento das deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que mostraron a súa desconformidade con que fose a Xunta quen repartise as axudas e no importe das mesmas.

No caso da Deputación de Pontevedra, a proposta é suplementar o Plan Concellos en 1,6 millóns de euros, que correspondería ao 1%  do orzamento provincial. Así os propios concellos terían máis recursos para destinar a liñas municipais de axudas aos sectores que non poden normalizar a súa actividade polos peches totais ou parciais aos que están sometidos como consecuencia da Covid-19.

O crédito distribuiráse dacordo coa poboación de cada Concello

O crédito vaise distribuír entre os Concellos segundo a poboación e permitirá a súa acumulación co 20% dos fondos da liña 1, que as institucións locais xa teñen dispoñible para usos similares.

A Deputación de Pontevedra adiantará os cartos aos Concellos trala solicitude, e deberán xustificalos ao concluír a tramitación. A proposta irá a un pleno que terá lugar este vernes.

O sector da hostalería era partidario de que fose a Xunta quen xestionase o fondo, de ser creado, para ter unha fiestra única de axudas. Moitos concellos que xa deron apoio aos sectores afectados atopáronse ademáis co informe desfavorable dos departamentos de intervención, pero previsiblemente o novo compromiso da Deputación de Pontevedra facilite os trámites.

¿E ti, es de Tweet?