O AECT Río Miño vén de habilitar na súa web smartminho.eu un mapa interactivo, o “COVIDMiño”, que permitirá á cidadanía coñecer de maneira conxunta a evolución da pandemia nos 26 municipios galegos e portugueses que forman parte do territorio miñoto.

Esta ferramenta inclúe a situación epidemiolóxica de cada un dos concellos (número de casos novos diagnosticados e incidencia acumulada, entre outros), así como información útil para combater a propagación da enfermidade e as medidas que os respectivos gobernos aplican en ambos lados da fronteira.

A novidade do “COVID-Miño”, impulsado pola Deputación de Pontevedra a través do Departamento de Cooperación Transfronteiriza dirixido por Uxío Benítez, radica en que ofrece os datos do territorio miñoto nunha mesma web en lugar de ter que consultar as diferentes páxinas de información sanitaria galega e portuguesa. Ademais, tamén permite comparar de maneira intuitiva as situacións epidemiolóxicas en ambas ribeiras, xa que aplica unha mesma escala de cores ás incidencias acumuladas de cada municipio fronte aos diferentes parámetros utilizados en Galicia e en Portugal. Pasando o rato por cada concello despréganse máis datos referidos a cada municipio.

Este mapa xurde nun momento no que a poboación precisa de información veraz sobre a complicada situación provocada ante o espallamento do virus e sobre as distintas medidas que se están a aplicar a ambos lados da raia. Segundo destaca Uxío Benítez, o ‘COVIDMiño’ pretende facilitar o coñecemento e datos veraces da pandemia a toda a cidadanía que ten que moverse no territorio miñoto ben por cuestións laborais ou familiares. “Precísase información unificada”, dixo.

Incidencia por Concellos

No día de hoxe, a incidencia acumulada máis baixa é a do concello de Arbo (menor de 240), seguida por A Guarda e O Rosal (entre 240 e 480), continuada por Covelo, Ponteareas, Salvaterra, Salceda, Porriño, Tomiño, Oia, Tui, As Neves, Viana e Ponte da Barca (con entre 480 e 960), e, finalmente, en situación extrema (máis de 960 casos por 100.000 habitantes), atópense Covelo, A Cañiza, Crecente, Melgaço, Monçao, Valença, Vila Nova de Cerveira, Caminha, Paredes de Coura, Arcos de Valdevez, e Ponte de Lima.

 

¿E ti, es de Tweet?