A apertura dos pasos fronteirizos con Portugal, a gran demanda do Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial (AECT) Río Miño nesta terceira vaga da pandemia da COVID-19, podería efectuarse nos próximos días.

Os Concellos miñotos dos dous lados da raia están expectantes logo dunhas declaracións públicas do ministro de Administración Interna de Portugal, Eduardo Cabrita, que deixou aberta a posibilidade de alterar horarios nas fronteiras terrestres. Esta medida aliviaría o día a día dos empregados transfronteirizos, obrigados a percorrer decenas de kilómetros para acudir aos seus postos de traballo.

O vicedirector do AECT Uxío Benítez explicou que os presidentes de cámara portugueses mantiveron contactos informais co goberno central portugués, o máis ríxido á hora de manter o peche da fronteira, e salientou que "a pesar de non recibir información oficial, satisfacen as declaracións dadas por Eduardo Cabrita, que deixou en aberto a posibilidade de alterar horarios nas fronteiras terrestres ou o número de postos de paso obrigatoria”.

Benítez insiste en que é preciso que se abran todos os pasos existentes e se habiliten controis de maneira continua as vinte catro horas, posto que, segundo subliñou, os horarios das empresas e do persoal laboral dunha e doutra beira do río son moi variados. Lembrou que o actual paso de Salvaterra, só aberto dúas horas pola mañá e dúas pola tarde, non supón ningún beneficio para traballadoras e traballadores, xa que ao traballar en quendas vense igualmente obrigados a cruzar o río a través do único paso autorizado de Tui por non coincidir os horarios.

Benítez amosou a súa confianza en que a parte do goberno portugués reconsidere a situación, e lembrou que na parte española, oficialmente, o delegado do Goberno manifestou a súa disposición a abrir os pasos necesarios, mais sempre mediante un acordo diplomático cos mandatarios lusos. “Agardemos que o erro non se siga a manter”, subliñou o vicedirector da AECT Río Miño, que a pasada semana participou nunha protesta na vella ponte internacional de Tui xunto aos alcaldes e alcaldesas da raia para urxir a apertura dos pasos para os traballadores transfronteirizos. 

 

¿E ti, es de Tweet?