Veciños de Santa Comba e Ecoloxistas en Acción denuncian ante o Seprona que o Grupo Mineiro Santa Comba continúa facendo verteduras das drenaxes ácedas para o baleirado de plantas anegadas.

As minas de Varilongo foron descubertas en 1914, e destinadas á extracción de ferro e cuarzo ata 1941, cando se descubriu a presenza nestas minas do denominado "ouro negro nazi", o volframio. entón a xestión destas minas pasou a mans alemás. Tras varios cambios de propietarios, as minas foron clausuradas en 1985 dedido á caída no prezo do volframio.

Ecoloxistas en Acción denuncia que as augas residuais de mina que están sendo bombeadas levan acumuladas no interior da mina case 30 anos, desde fora clausurada, contendo con toda probabilidade altas concentracións de metais pesados, ao tratarse dunha antiga explotación de minería metálica cuxo xacemento contén importantes cantidades de sulfuros (arsenopirita, calcopirita e pirita) xeradores de drenaxes ácedas de mina, susceptibles de produciren importantes impactos sobre o medio ambiente.

A organización ecoloxista galega sinala que os proxectos de explotación e  o plan de restauración do Grupo Mineiro Santa Comba nunca foron sometidos a avaliación de impacto ambiental, de modo que a empresa concesionaria non dispón de autorización ambiental para realizar a actividade, e moito menos autorización para o baleirado das plantas inundadas e vertedura sen tratamento de ditas augas ao dominio público hidráulico. Estas augas residuais circulan por diferentes canalizacións e regos ata verterse no regato da Braña Ancha, cara o Sur do punto de bombeo, e espallarse por toda a contorna augas abaixo até a confluencia co río Xallas.

¿E ti, es de Tweet?