jueves, abril 25, 2024
InicioComarcasVigoOs seis proxectos que Redondela quere facer antes de 2023

Os seis proxectos que Redondela quere facer antes de 2023

O Concello de Redondela investirá ata final deste mandato preto de 5 millóns de euros en distintas actuacións encamiñadas a por en valor o seu patrimonio ambiental, histórico e cultural coa axuda de fondos europeos.

Neste ano 2021 executaranse unha serie de actuacións que superarán os dous millóns de euros. Así, o Goberno local desenvolverá a construción da Senda Verde de Chapela, cun investimento de preto dos 800.000 euros.

Por outra banda, tamén está previsto o proxecto de remodelación da Praza de Ponteareas, no que se investirán outros 800.000 euros para mellorar a entrada natural do casco urbano e paso obrigado das dúas rutas xacobeas que conflúen no municipio redondelán: o Camiño Portugués e o Camiño Portugués pola Costa.

A rehabilitación do edificio do antigo Conservatorio será outra das obras que se executen ao longo deste ano, traballos que contarán cun investimento superior aos 350.000 euros. Trataríase, neste caso, dunha rehabilitación integral do interior da edificación para adaptala á normativa vixente de accesibilidade e seguridade e co fin de situar na planta baixa a Oficina de Turismo Municipal xa que o Camiño de Santiago discorre pola rúa na que está situado o inmoble e tendo en conta, ademais, que o turismo de peregrinos supón cerca do 90 % do total do fluxo turístico deste Concello.

Finalmente, executaríanse as obras de mellora e ampliación da Oficina de Servizos Sociais de Chapela, obras para ás que se destinarían máis de 200.000 euros.

Todas estas iniciativas, que se desenvolverán durante este 2021, “permitirán comezar a deseñar a Redondela do futuro tanto dende o punto de vista de desenvolvemento económico e social, como patrimonial e medioambiental”, destacada a alcaldesa Digna Rivas.

Outro proxecto que o goberno local quere facer realidade de aquí ata final de mandato é a rehabilitación integral do edifico das antigas vivendas dos mestres na Avenida Mendiño, para crear un museo que poña en valor o patrimonio cultural de Redondela.

A derradeira proposta presentada por Rivas aos grupos municipais foi a construción, nos terreos da antiga vía férrea de Chapela non incluídos na Senda Verde, dun skatepark do que, nestes momentos, está en trámite o borrador de contrato de arrendamento que inclúe as edificacións da antiga estación e almacén. 

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES