jueves, marzo 28, 2024
InicioComarcasO CondadoMondariz recupera a Feira dos Oficios Artesáns

Mondariz recupera a Feira dos Oficios Artesáns

Está previsto que se presente o documental «Cesteiros de Mondariz» nos Xardíns dos Concello e que actúe o grupo Tanxugueiras. 

A Feira dos Oficios Artesáns de Mondariz, suspendida o ano pasado por mor da pandemia de Covid-19, celebra este ano a súa 32ª edición cunha programación cultural que foi presentada oficialmente este mércores na sede principal da Deputación de Pontevedra.

Como é tradicional, a Feira dos Oficios Artesáns de Mondariz terá lugar o primeiro fin de semana de agosto, que este ano corresponde ao 31 de xullo e ao 1 de agosto de 2021.  Na véspera da súa inauguración oficial. presentarase nos Xardíns do Concello o documental «Cesteiros de Mondariz», o 30 de xullo ás 22:00 horas, un proxecto audiovisual financiado polo programa O Teu Xacobeo 21-22 que recupera a memoria do oficio a través da historia do último mestre cesteiro de Mondariz, Enrique Táboas. As súas obras, así mesmo, están expostas na mostra Tecendo a natureza aberta ao público na Praza de Abastos desde o 13 de xullo até o 4 de agosto.

Durante a presentación da 32ª edición, tanto a concelleira de Cultura, Anxos Carballo, como o alcalde, Xosé Emilio Barros, destacaron «o compromiso do concello coas actividades de exaltación e preservación do patrimonio cultural, concebido como un valor de futuro», segundo sinalaron. 

Unha feira que aposta pola calidade do traballo artesanal

A Feira de Oficios Artesáns de Mondariz está concebida como unha feira de artesanía na que prima a calidade do oficio artesán. Ademais de postos de venda, haberá obradoiros para que as persoas visitantes poidan apreciar o traballo dos cesteiros, zoqueiros, torneiros e outros artesáns. Para valorizar a experiencia, a feira de artesanía compleméntase con outras actividades culturais, como concertos de música, obradoiros participativos para mocidade, degustacións gastronómicas de produtos locais e actuaciones de baile. 
 
Desde o punto de vista musical, na edición deste ano destaca o concerto de «Tanxugueiras», previsto para o 31 de xullo, ás 22:00 horas. 
 

Programación cultural

 Do 13 de xullo ao 4 de agosto
Exposición de cestaría tradicional “Tecendo a natureza”, de Enrique Táboas, na Praza de Abastos de Mondariz.
Venres, 30 de xullo
22:00 horas: presentación do documental «Cesteiros de Mondariz» (produción: EscénaTe, dirección: Fon Cortizo, guión: Alexandre Cancedo), nos Xardíns do Concello.
 
Sábado, 31 de xullo
Lugar: Praza de España de Mondariz
11:00 horas: apertura de postos de venda de produtos artesáns e gastronómicos e mostra de oficios (cesteiros, zoqueiros, torneiros,…).
11:00-14:00 horas: obradoiro participativo continuo de olaría para nenos/as e maiores.
12:30 horas: inauguración oficial da Feira dos Oficios Artesáns, con pregón a cargo de Indalecio Fernández Mor (Chicho), socio fundador da asociación Castromao.
14:00-18:00 horas: peche temporal da feira.
18:00-21:00 horas: obradoiro participativo continuo de olaría para nenos/as e maiores.
19:00 horas: cata de produtos gastronómicos e artesáns da comarca nos Xardíns do Concello (cabida máxima: 60 persoas).
22:00 horas: concerto de «Tanxugueiras».
 
Domingo, 1 de agosto
Lugar: Praza de España de Mondariz
10:00 horas: apertura de postos de venda de produtos artesáns e gastronómicos e mostra de oficios (cesteiros, zoqueiros, torneiros,…).
11:00-14:30 horas: obradoiro participativo continuo das técnicas de gravado e impresión gyotaku e transfer para nenos/as e maiores.
11:00-14:30 horas: obradoiro participativo continuo de olaría para nenos/as e maiores.
12:00 horas: actuación de gaiteiros e pandeireteiras da asociación Castromao de Mondariz.
13:00 horas: sesión vermú, con concerto de «Os da porfía».
14:30-18:00 horas: peche temporal da feira.
18:00-21:30 horas: obradoiro participativo continuo das técnicas de gravado e impresión gyotaku e transfer para nenos/as e maiores.
19:30 horas: Día da Muiñeira a cargo da asociación Castromao de Mondariz.
21:00 horas: clausura da feira.
ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES