viernes, abril 19, 2024
InicioComarcasO CondadoMáis de 400 persoas visitan o Museo da Ciencia do Viño

Máis de 400 persoas visitan o Museo da Ciencia do Viño

A instalación ofrece visitas interactivas dende hai un mes.

O Museo da Ciencia do Viño de Salvaterra de Miño ratifica a boa acollida que ten o seu contido museográfico entre a veciñanza e visitantes. Así o fai saber a administración local logo dun mes no que a instalación conta con novos horarios e no que se ofertan visitas interactivas.

Máis de catrocentas persoas visitaron, dende o pasado mes de abil, «as súas punteiras e interactivas instalacións tras a ampliación de horarios de atención ao público e o establecemento de visitas autoguiadas», explica o Concello, «en prol dunha maximización dos recursos tecnolóxicos dos que dispón o museo as visitas realízanse, nestes momentos, mediante unha aplicación que o visitante poderá descargar no seu teléfono ou dispositivo móbil». Trátase dun sistema que «permite ao usuario non só coñecer de primeira man todos os contidos do museo senon que tamén información dos principais recursos turísticos do municipio».

Neste contexto, «o elevado volume de visitantes que se achegan ao museo reflicte o gran interese que o turismo enolóxico está a espertar na xente que vén coñecer o noso territorio» polo que «é o enoturismo un eixe dinamizador da nosa economía local, da nosa gastronomía, do noso patrimonio e da nosa tradición». Todo isto formando «unha proposta capaz de xerar redes invisibles de valor engadido».

Os días ade apertura ao público do Museo da Ciencia do Viño do Condado son de mércores a domingo, en horario de 11 horas a 14 horas e de 17 horas a 19 horas. Non é preciso inscrición previa agás para os grupos de máis de 15 persoas ou aqueles que desexen unha visita guiada. As reservas para grupos deberán efectuarse a través do teléfono 617.14.88.66 ou no enderezo electrónico: museocienciavino@concellodesalvaterra.org

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES