viernes, abril 19, 2024
InicioComarcasParadantaDetido o camioneiro á fuga que atropelou a unha muller na Cañiza

Detido o camioneiro á fuga que atropelou a unha muller na Cañiza

Veciño da Rúa de 38 anos e con antecedentes. É o camioneiro que atropelou o pasado sábado a unha muller na Cañiza e que non se detivo a pesar de deixar á vítima tirada na calzada en estado moi grave. Foi detido e pasou a disposición xudicial. A cañicense está na UCI no hospital Álvaro Cunqueiro.

O camioneiro conducía de maneira errática pola A-52 e decidiu saír na Cañiza facendo caso omiso dos sinais acústicos e luminosos da Garda Civil.

Os feitos ocorreron sobre as 13,00 horas do pasado sábado cando este camioneiro circulaba pola autovía A-52, sentido Ourense dando bandazos pola estrada. Unha garda civil libre de servizo decatouse da circulación errática do camión e avisou inmediatamente ao Centro Operativo Complexo (062) que activou un operativo para interceptar ao vehículo, e tamén foi retendo o tráfico que circulaba detrás do devandito camión, para evitar un posible accidente.

Seguido pola autovía pola patrulla de seguridade cidadá do posto da Cañiza, o camioneiro fixo caso omiso aos sinais aos sinais acústicos e luminosos que lle facían, tendo a patrulla que realizar unha manobra evasiva para non ser arroiada polo camión.

A continuación, o condutor do camión decidiu abandonar a autovía e toma a saída 279 á Cañiza. Ao chegar ao cruzamento coa estrada EP-5005, sáltase o sinal de STOP, e, ao seguir de fronte, impacta con varios sinais verticais e atropela a unha muller que circulaba pola beiravía e que quedou tendida na calzada.

O camioneiro, que continuou a marcha sen atender á persoa que atropelara, puido ser interceptado uns quilómetros despois, coa axuda dunha patrulla de seguridade cidadá do Posto de Ribadavía (Ourense), así como outra do Subsector de Tráfico de Ourense e dous do Destacamento de Tráfico de Porriño.
Este v da Rúa (Ourense) e de 38 anos foi requirido en varias ocasións para realizar a proba de alcoholemia, e negouse mantendo ademais unha actitude agresiva en todo momento.

O home foi detido por suposto autor de varios delitos: negarse a realizar a proba de alcol e drogas, contra a seguridade viaria, lesións por imprudencia grave e abandono do lugar do accidente cun ferido grave.

Ao referido condutor figúranlle varios antecedentes por delitos contra a seguridade viaria.

A persoa atropelada foi evacuada en estado moi grave ao Hospital Alvaro Cunqueiro de Vigo, onde permanece a día de hoxe ingresada na UCI.

Na mañá do domingo, o detido foi presentado no Xulgado de Instrución de garda de Ponteareas, xunto coas dilixencias.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES