viernes, marzo 29, 2024
InicioComarcasVal de MiñorGondomar humanizará a conexión con Chaín e Morgadáns

Gondomar humanizará a conexión con Chaín e Morgadáns

Luz verde da Deputación de Pontevedra para acometer esta obra, que terá un custe de 271.000 euros.

A Deputación de Pontevedra ven de aprobar o expediente para a contratación de novas obras de humanización en Gondomar, que se desenvolverán en concreto na interconexión entre as rúas San Bieito e Emigrante coas estradas provinciais de Peitieiros e Chaín-Morgadáns. O orzamento desta actuación acada os 271.769 euros e financiarase a través dun convenio entre a institución provincial e o Concello, de xeito que a Deputación asumirá o 70% do coste e o Concello o 30% restante.

A presidenta Carmela Silva destacou que o proxecto ten por obxectivo “darlle prioridade e maior seguridade á veciñanza e viandantes das rúas San Bieito e Emigrante e aos tramos iniciais dos viarios provinciais EP2302 en dirección a Peiteiros e EP 2301 cara a Chaín e Morgadáns, que unen o casco urbano de Gondomar con estas parroquias”. Deste xeito, dáse continuidade tamén á gran transformación urbana que está a experimentar este concello. Máis polo miúdo, as actuacións inclúen a ampliación e construción de beirarrúas –que como mínimo van manter un ancho xeral de 2,5 metros- e a renovación de servizos como o alumeado público, recollida de pluviais e residuais e a canalización das instalacións de enerxía, alumeado e comunicacións.

As obras tamén incluirán a habilitación de novos pasos de cebra elevados e se prevé, amais, a realización dun muro de contención entre o inicio da EP 2302 e a EP 2301 para habilitar unha beirarrúa de paso ata a parada de autobuses, a fin de “dar seguridade á xente que transita”, así como a pavimentación das calzadas con solado de adoquíns, “unha estética que embelece estas grandes vilas da nosa provincia”.

 

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES