jueves, marzo 28, 2024
InicioComarcasVal de MiñorA Xunta intensifica o seguimento dos encoros de Baiona e Zamáns por...

A Xunta intensifica o seguimento dos encoros de Baiona e Zamáns por mor da seca

Mantense a situación de seca prolongada no conxunto da Demarcación Galicia-Costa,onde caudais circulantes en xullo se situaron un 34,4% por debaixo da media dos últimos dez anos nesta época do ano.

A Xunta estende a prealerta por escaseza de Auga á bacía do río Anllóns, mantela na conca do río Lérez e intensifica o seguimento dos encoros de Baiona e Zamáns.

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, presidiu hoxe unha nova xuntanza da Oficina Técnica da Seca, integrada tamén por Protección Civil, Meteogalicia e a Consellería do Medio Rural. Na xuntanza, acordouse manter a declaración de seca prolongada en toda a Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa.

No encontro analizouse a evolución da situación hidrolóxica e meteorolóxica das distintas concas da Demarcación, confirmándose a continuidade da anomalía hidrolóxica que se vén advertindo dende principios de ano.

En canto á meteoroloxía, o mes de xullo foi moi seco e as previsións para agosto manifestan falta de precipitacións. Os caudais circulantes rexistraron no mes de xullo valores inferiores aos habituais para esta época do ano, un 34,4% por debaixo, da media dos últimos dez anos. Apréciase un empeoramento con respecto a  mediados de xullo, onde os caudais estaban un 20% por debaixo da media histórica.

No que se refire á ocupación actual dos encoros de abastecemento da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa era a 1 de agosto do 82,81%, un 11% inferior á ocupación do mesmo período para o ano 2021. En xeral, os encoros de abastecemento rexistran valores de ocupación inferiores aos niveis medios para esta época.

Prealerta por escaseza no río Anllóns e Lérez

Na reunión de hoxe, abordouse como novidade a proposta da activación da prealerta por escaseza na zona correspondente ao sistema de explotación do río Anllóns e á costa da Coruña ata o límite con Arteixo.

Esta proposta vén motivada polos datos da estación de aforo do río Anllóns, que manifestan un drástico descendo dos caudais no último mes, e polas previsións de falta de chuvias a curto-medio prazo.

A a situación de prealerta por escaseza xa está declarada tamén na bacía do río Lérez, en Pontevedra, que se mantén. Neste caso, a Xunta e os concellos deste sistema de abastecemento acordaron reducir o consumo de auga e afrontar o episodio con información, coordinación e responsabilidade.

Logo dun drástico descenso dos caudais nas primeiras semanas do mes de xullo, nesta bacía tende a manterse estable dende a segunda quincena do mes, pero aínda así segue a rexistrar un caudal circulante baixo,

Neste sentido, o Goberno galego xa está a traballar no estudo de solucións alternativas para realizar achegas de auga ao río Lérez. Así, onte tomáronse mostras de auga con drons as características da auga do oco mineiro de Ventoxo, en Forcarei, para confirmar se cumpre os requisitos de calidade para facer estas achegas.

No caso de que as analíticas sexan favorables, Augas de Galicia procederá a facer unha obra de emerxencia para transvasar a auga desde o oco mineiro cara ao rego Ventoxo, afluente do Lérez, para achegar caudal a este río.

Ademais, a Xunta, considerando a situación meteorolóxica rexistrada dende principios de ano, o descenso das reservas de agua rexistrado e o aumento da poboación estival na zona sur de demarcación, realiza unha valoración particularizada e un seguimento exhaustivo dos encoros de Baiona e Zamáns, orixe dos sistemas de abastecemento de Baiona, Nigrán, Gondomar e parte de Vigo. 

Propón para estas zonas que se empecen a tomar as mesmas medidas que nos concellos que xa ten activada a prealerta por escaseza, dada a situación de ambos os dous encoros e a alta demanda que estes municipios rexistran en verán.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES