viernes, abril 19, 2024
InicioComarcasLouriñaVolve Louro Valley Festival con Maikel Delacalle como cabeza de cartel

Volve Louro Valley Festival con Maikel Delacalle como cabeza de cartel

Os djs Groove Amigos, Traffic House, Khris Guez, Pitty, Diego Mariño e Samu Pexe completan o cartel do evento que se celebrará este venres 23 a partir das 23.30 horas no exterior do pavillón municipal e a entrada é gratuíta

O Porriño acolle mañá o regreso dun dos eventos musicais máis demandado, o “Louro Valley Festival”. O evento volve tras sete anos e o fai cun cartel de luxo: Maikel Delacalle, Groove Amigos, Traffic House, Khris Guez, Pitty, Diego Mariño e Samu Pexe.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, presidiu hoxe a presentación oficial do evento nun acto que contou coa presencia da directora Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, os concelleiros Bienvenido Estévez e Carolina González e os DJs André Vázquez, de Groove Amigos, e Khris Guez.
“Retomar este evento despois de sete anos é algo que me emociona, xa que nace da ilusión e da iniciativa de artistas locais de primeiro nivel que apostan por facer no seu pobo un evento á altura dos mellores”, explicou o alcalde. “A mocidade e a veciñanza en xeral do Porriño merecen alternativas de ocio de calidade”.
No mesmo sentido se expresou André Vázquez, de Groove Amigos e un dos impulsores do festival que agradeceu o “respaldo do Concello do Porriño, que sempre apoia con especial agarimo estas iniciativas para que a xuventude do Porriño teña no seu pobo actuacións deste nivel que normalmente só se organizan en grandes ciudades” e tamén a disposición da Xunta de Galicia, e en concreto da dirección xeral de Xuventude que patrocina o evento, por “promover festivais como o Louro Valley e tender a man sempre para ofrecer o mellor”. “É un verdadeiro pracer estar aquí hoxe tras sete anos”, concluíu André.
Pola súa banda, a directora Xeral de Xuventude, agradeceu ao alcalde que “tivese a ben facernos esta proposta que está pensada de xeito moi directo para que a mocidade poida ter unha alternativa cultural e de ocio no marco das súas festas e que ademais permite establecer dinámicas de amizade e compañeirismo que compre retomar tras a pandemia”.
O rexedor concluíu agradecendo á Xunta de Galicia a súa colaboración xa que “sen eles non sería posible” e aos representantes do evento a “súa profesionalidade e empuxe. Só resta convidarvos a todos e todas a desfrutar do regreso do festival e dicir ben alto: longa vida ao Louro Valley e longa vida ás Festas do Cristo”.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES