viernes, marzo 29, 2024
InicioComarcasLouriñaPorriño dá o primeiro paso cara a execución integral da rede de...

Porriño dá o primeiro paso cara a execución integral da rede de saneamento

O Concello presentou hoxe o Plan Director que require unha inversión de máis 14 millóns de euros.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañado polos concelleiros de Vías e Obras e Urbanismo, Ramón Porto e Antía Carrera, respectivamente, presentaron hoxe os resultados do estudo que recolle o estado actual da rede de saneamento en todo o termo municipal. Un Plan Director en base ao cal se elaborará a planificación técnica, financeira e temporal para a acometida integral da rede pública.

A planificación encargada polo goberno municipal determina con exactitude os tramos e actuacións pendentes de executar en cada unha das parroquias, así como a súa extensión, o número de vivendas sen conexión e orzamento necesario para executala.

“Na actualidade faltan 91.111 metros de rede pública por acometer para dar servizo ás 1.611 vivendas que non contan con conexión e teñen que recorrer a sistemas individuais”, explicou o alcalde. Unhas cifras que para Lorenzo supoñen “que estamos fallando aos veciños e veciñas como administración, especialmente aos do rural, ao non prestarlles un servizo público que estamos obrigados a prestar”.

Plan Director Saneamento O Porriño“Falamos dunha inversión de 14.064.036 euros , algo inasumible para calquera concello, que impón un compromiso firme pola nosa parte”, continuou o rexedor. “Non estou aquí para facer política nin enganar á veciñanza prometendo cousas que non podo cumprir. Estou aquí para resolver e dar solucións, esa é a miña obriga e ese é o meu compromiso”.

“Planificación fronte á improvisación para conquerir con maior eficiencia a financiación que nos permita que o saneamento chegue a todas as vivendas do Porriño no menor tempo posible”, concluíu o alcalde, e para iso, anunciou que levará a pleno a dotación dunha partida de 500.000 euros para a elaboración dos proxectos de obra e solicitará ao Consorcio de Augas do Louro que se inicie unha operación de crédito que permita costear parte do montante total da execución, así como a financiación por parte das restantes administracións.

Cabe destacar que a eiva na prestación deste servizo básico no Porriño evidenciase máis en contraposición cos restantes concellos que forman parte do Consorcio de Augas do Louro, aínda tendo unha extensión similar. En Salceda completar o saneamento requiriría unha inversión de 7,3 millóns de euros, Tui algo máis de 2 millóns e Mos 1,4.

O rexedor adiantou tamén que o executivo que preside levará a pleno unha operación de crédito negociada co resto dos grupos da corporación de máis de 5 millóns de euros para financiar con fondos propios obras de execución de saneamento, soterramento da liña férrea e construción de vivenda de protección oficial e dotacións.

Rebaixa na taxa de baleirado de fosas sépticas

Durante a súa comparecencia o alcalde explicou a reclamación trasladada ao Consorcio de Augas do Louro, entidade que preside, para a modificación da ordenanza que permita rebaixar a taxa que a veciñanza que non dispón de conexión á rede está obrigada a pagar polo baleirado da fosa séptica. “Non é de recibo que, ademais de non beneficiarse dun servizo básico e esencial ao que teñen dereito como o resto de cidadáns, teñan que pagar unhas taxas desmesuradas”, concluíu Lorenzo

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES