viernes, abril 19, 2024
InicioComarcasLouriñaPersoal especializado limpará o manancial da fonte de San Sebastián para...

Persoal especializado limpará o manancial da fonte de San Sebastián para asegurar a súa potabilidade

Os valores paramétricos alterados xa se atopan dentro dos límites que garanten a potabilidade da auga pero, para maior seguridade dos usuarios, o Concello contratará unha empresa especializada para acometer os traballos precisos que garantan a calidade da auga.

O Concello do Porriño vén de recibir o resultado das analíticas realizadas ao manancial que abastece a Fonte de San Sebastián, que permanecía pechada tras detectarse contaminación na auga.

A análise realizada na mina determina que os valores paramétricos alterados (microorganismos aerobios 22ºC e bacterias coliformes) xa se atopan dentro dos límites que garanten a potabilidade da auga.

“Para maior seguridade dos usuarios e usuarias, é preciso que persoal especializado acometa a limpeza do manancial que abastece á fonte e valore, se é preciso, proxectar a canalización do caudal no tramo ata a billa”, explicou o concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto, “Queremos asegurarnos de que non se producen filtracións contaminantes como a que obrigou a cortar o subministro”.

“Sabemos que esta fonte ten un gran valor, non só patrimonial senón tamén funcional, xa que son moitos os veciños e veciñas da vila que consumen esa auga cada día, e que supón un gran prexuízo que non estea en funcionamento. Pero estamos facendo o necesario para restablecer o subministro o antes posible con todas as garantías sanitaria, o importante é asegurar que a auga mantén a súa calidade e é apta para consumo”, conclúe o alcalde Alejandro Lorenzo.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES