sábado, abril 20, 2024
InicioComarcasLouriñaO Samaín máis conciliador celebrouse hoxe en Mos

O Samaín máis conciliador celebrouse hoxe en Mos

A conciliación da vida familiar e laboral era o obxectivo da festa lúdico didáctica que o Concello organizou no CEIP de Petelos e na que participaron 82 cativos

82 cativos de entre 3 e 12 anos de idade participaron hoxe nas instalacións do CEIP de Petelos nunha actividade de conciliación da vida familiar e laboral organizada pola concellería de Política Social e Igualdade, Cultura, e Participación Cidadá do Concello de Mos. A iniciativa foi todo un éxito, visto o elevado número de participantes acadado.

Tendo en conta que hoxe non foi día lectivo nas escolas de Mos, organizouse unha Festa de Samaín no Colexio de Petelos, co obxectivo de facilitar a conciliación familiar nesta xornada e aproveitar para dar a coñecer as nosas tradicións.

Os nenos e nenas participantes puideron asistir disfrazados a esta actividade municipal que se prolongou desde as 08.30 horas da mañá ata as 14.30 horas.

Tratouse dunha iniciativa lúdica e didáctica na que os cativos puideron gozar de diversas e divertidas actividades que foron desde xogos ata obradoiros de decoración de cabazas, de maquillaxe de medo… e un espectáculo de maxia.

A concelleira de Política Social e Participación Cidadá, Sara Cebreiro, destacou a súa satisfacción pola “boa acollida desta actividade” e insistiu na “importancia da conciliación, coa que desde o Concello de Mos estamos absolutamente implicados, por iso continuaremos a promover iniciativas como esta, máxime cando comprobamos os bos resultados que dan e o gran nivel de aceptación e satisfacción que acadan entre as familias mosenses”, concluíu a edil Sara Cebreiro.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES