jueves, marzo 28, 2024
InicioComarcasLouriña“O libro da rosa” de Mos xa é unha realidade

“O libro da rosa” de Mos xa é unha realidade

Editado por Galaxia, presentarase oficialmente o vindeiro martes 14 de xuño, tralo Día da Rosa

O libro da rosaA alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Cultura e Turismo, Sara Cebreiro, e o director xeral de Galaxia, Francisco Castro, informaron de que xa se atopa rematado e listo para lanzar ás librerías o gran proxecto editorial que ten ao emblema heráldico de Mos como protagonista: “O libro da rosa”.
Galaxia comezou a traballar no volume fai xustamente un ano, coincidindo tamén coa Festa da Rosa. Trátase do 4º título dunha serie que a editorial comezou con “O libro dos libros”, que foi seguido de “O libro dos trens”; logo saíu á luz “O libro da música” e agora “O libro da rosa” en colaboración co Concello de Mos.
A Festa da Rosa vívese deste xeito, este ano, presentando un libro de Galaxia co símbolo mosense por antonomasia como protagonista. A data da presentación oficial, que se celebrará no Pazo de Mos, será o vindeiro martes, 14 de xuño, xornada seguinte ao Día da Rosa e festivo local, o 13 de xuño.
Os 10 autores e autoras galegos/as contemporáneos e ‘primeiras espadas’ da literatura na nosa Comunidade Autónoma, que asinan “O libro da rosa” son:
AGUSTÍN AGRA
VICENTE ARAGUAS
MARÍA CANOSA
FRANCISCO CASTRO
RAQUEL CASTRO
MIRIAM COUCEIRO CASTRO
XESÚS FRAGA
DIEGO GIRÁLDEZ
MARÍA XOSÉ PORTEIRO
PURA SALCEDA

Desde Galaxia definen así esta pequena xoia con aroma floral: “as rosas, dende sempre, foron material literario, e non só para os poetas. Simples e evocadoras, viaxan a través da historia da literatura dende que alguén, pechando os ollos e aspirando o seu recendo, se sentiu impelido a escribir. Inspiración de aromas e inspiración de historias. Con esa premisa, pedímoslles a dez autoras e autores de primeira liña da literatura galega que escribisen un relato tomando a rosa como elemento inspirador. E como hai tantas rosas coma estrelas no ceo, velaquí o resultado, dispar, diferente. Relatos uns que son espiñas e outros que son deleite
estético; relatos que recenden, en todo caso, a verdade. Literatura rosa, pouca. Literatura grande, toda”. O formato de “O libro da rosa” é un volume de 135 por 210 mm e 156 páxinas impresas na súa edición comercial e na edición exclusiva para o Concello de Mos aumenta o seu tamaño a 197 por 250 mm e 200 páxinas impresas.

As representantes municipais, Arévalo e Cebreiro, declaráronse “agradecidas a Galaxia e ó seu director, Francisco Castro, por contar con Mos para formar parte desta fermosísima iniciativa; así como orgullosísimas de que o noso Concello forme parte dela co seu maior emblema, a rosa, e que ademais o libro poida ser presentado con motivo da Festa da Rosa”.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES