sábado, abril 20, 2024
InicioComarcasLouriñaMos renova o contrato do SAF por máis de 2,2 millóns

Mos renova o contrato do SAF por máis de 2,2 millóns

No último pleno do ano, a corporación aprobou por maioría dos seus membros (todos os votos a favor agás o de GañaMos en contra) a adxudicación do contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que seguirá a prestar a mesma empresa que o facía ata o de agora.

O prezo polos 2 anos de duración inicial do contrato (con posibilidade de prórroga a outros 2 anos máis de servizo) é de 2.208.849,45 euros. O prezo/hora, IVE incluído, ascende a 17,04 euros.

O Concello de Mos é punteiro no SAF, no que actualmente conta con 62 traballadoras que atenden a 116 usuarios/as, e case 65.000 horas anuais de servizo, fronte a concellos con máis habitantes e coa metade de horas.

O obxectivo deste contrato que supera o orzamento anual de 1 millón de euros é mellorar a vida das persoas usuarias, posibilitar que sigan vivindo no seu domicilio e no seu entorno, e que sigan a ter as súas relación familiares e sociais.

Valoráronse tamén no novo prego de condicións os servizos complementarios destinados a mellorar a calidade de vida dos enfermos como por exemplo axudas técnicas tales como camas articuladas, grúas, cadeiras de rodas, de ducha, discos xiratorios… Servizos como o de podoloxía, fisioterapia, terapia ocupacional, limpeza de choque…

Con este novo contrato adxudícase un servizo para un total de 64.831 horas de servizo anual de 2 anos de servizo máis 2 de prórroga; é dicir 4 anos de prestación de servizo.

A alcaldesa de Mos e a concelleira de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, explicaron a este respecto que “no novo prego de condicións recolléronse todas aquelas propostas que os técnicos municipais consideraron viables e que optimizarán e implementarán o servizo; tales como máis axudas técnicas, máis EPIs, o servizo de terapia ocupacional, etc. E outras moitas suxestións relativas a temas de máxima prioridade en persoal de este sector tales como as medidas de protección integral contra a violencia de xénero en caso de traballadoras do SAF vítimas de violencia de xénero, ou material de prevención de riscos laborais”.

“Renovamos polo tanto o contrato do Servizo de Axuda no Fogar, un contrato acorde a un Concello como o noso”, destacaron as representantes municipais Arévalo e Cebreiro, “un Concello punteiro no SAF no que actualmente contamos con 62 traballadoras que atenden a 116 usuarios/as, case 65.000 horas fronte a concellos con máis habitantes e coa metade de horas. Na actualidade non temos ningunha persoa de grado 3 e 2 en lista de espera”.

E é que o Concello de Mos é un dos municipios galegos con máis horas anuais de SAF, xa que outros municipios con 15.000 habitantes ao igual que Mos, contan con menos da metade de horas.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES