jueves, marzo 28, 2024
InicioComarcasLouriñaMos promociónase en Sanxenxo

Mos promociónase en Sanxenxo

O Concello pon en marcha a campaña publicitaria “Ven a dar una Vuelta, ven a Mos”, previa á etapa 20 de La Vuelta 21, Sanxenxo-Mos, o vindeiro 4 de setembro.

A alcaldesa de Mos Nidia Arévalo, presentou unha campaña publicitaria promocional do municipio mosense con motivo de La Vuelta 21 en Sanxenxo. E precisamente fíxoo na Praia de Silgar acompañada polo alcalde do Concello do que sairá a etapa 20 de La Vuelta con meta en Mos o vindeiro 4 de setembro, Telmo Martín.
A campaña consiste na instalación de varios mupis publicitarios e unha marquesiña en Sanxenxo, promocionando o fin de etapa en Mos da etapa 20 de La Vuelta 21 (Sanxenxo-Mos) o 4 de setembro, de xeito que tanto habitantes de Sanxenxo como veraneantes que alí se atopen se animen a coñecer e a consumir en Mos.
Os mupis, que xa se atopan instalados e permanecerán ata o vindeiro mes de setembro, están encabezados co lema “Ven a dar una Vuelta, ven a Mos”. O lema refórzase con imaxes dos principais reclamos do municipio mosense como son o Camiño de Santiago, o Pazo de Mos, a senda do río Louro, o Centro Dotacional de Torroso, o parque de Sanguiñeda e o Castro de Herville (onde rematará a etapa 20 de La Vuelta 21).
As fotografías céntranse nos lugares emblemáticos das parroquias polas que pasará La Vuelta 21 ao seu paso por Mos, de xeito que os visitantes de Sanxenxo contemplen a opción de visitar tamén Mos, municipio de gran interese e potencial, tanto por formar parte de La Vuelta 21 como por destacar en lugares de interese turístico.
Estes soportes publicitarios que conteñen a campaña que se poderá ver en Sanxenxo ata setembro atópanse instalados nas zonas do paseo da Praia de Silgar e o centro da localidade.
Arévalo declarou sentirse “moi satisfeita co resultado da creatividade. Mos loce moi fermoso xunto ao mar, en Sanxenxo, e deste xeito esperamos que sexan moitas as persoas que se interesen por nós e se acheguen a coñecernos, posto que somos un municipio por descubrir turisticamente, moi interesante, con moito potencial e cun enorme patrimonio cultural e histórico”.
Así mesmo a alcaldesa informou de que esta campaña atópase incluída dentro da colaboración que a Xunta de Galicia, desde a Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, e en concreto Turismo de Galicia e Xacobeo 2021, mantén co Concello de Mos con motivo de La Vuelta 21. Esta campaña publicitaria conta polo tanto con financiación autonómica.

 

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES