jueves, abril 25, 2024
InicioComarcasLouriñaMos instala sinalización de interese para os peregrinos

Mos instala sinalización de interese para os peregrinos

Así se informou na primeira Mesa do Camiño do ano, na que se abordou o tema da pasarela peonil en Amieirolongo.

A sesión celebrouse na tarde de onte, martes, e ademais dos concelleiros mosenses de Educación e Servizos para a mellora do entorno rural e urbano, Julia Loureiro e Baldomero Lorenzo, respectivamente, asistiu o Director de Xestión do Plan Xacobeo, Idelfonso de la Campa. Tamén estiveron presentes representantes das asociacións integrantes da Mesa, entre as que se atopan a Asociación Amigos do Camiño, Fundación Pazo de Mos, A.V.V. Chan do Bosque de Amieirolongo, Sanguiñeda, A Cividade de Louredo, etc.
Durante a xuntanza recolléronse todas as suxestións e ideas para poñer en marcha en Mos ao longo deste ano Xacobeo 2022, entre as que se atopa a limpeza e desbroce de varias zonas.
Desde o Concello informouse de que esta mesma semana procederase á sinalización de tres fontes situadas no Camiño de Santiago ao seu paso por Mos, fontes de Comunidades de Usuarios de Augas, polo que son potables e aptas para o consumo dos peregrinos. E tamén instalaranse paneis informativos en diversos puntos que inclúen códigos QR con información sobre o lugar no que se atopan e teléfonos de interese para o peregrino.
Abordouse tamén o tema da pasarela peonil en Amieirolongo, Sanguiñeda, pendente do Ministerio de Fomento. Sobre isto Idelfonso de la Campa avanzou que “desde o Xacobeo faranse xestións co Ministerio neste senso, para tentar por todos os medios axilizar a solución para unha zona de tránsito peonil enormemente perigosa e pola que transcorre o Camiño”.
A construción dunha pasarela peonil en Amieirolongo e a humanización da contorna comercial son fundamentais para que se elimine o perigo que supón para os veciños, para os peregrinos e para todas as persoas que transitan a estrada Nacional 550 entre Mos e O Porriño. Unha solución que se leva anos reclamando, pola súa necesidade imperiosa.
Por último, na Mesa do Camiño do Concello de Mos de onte tratouse o deseño da programación cultural que durante o presente ano 2022 se porá en marcha en diferentes localizacións do Camiño de Santiago ao seu paso por Mos.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES