jueves, marzo 28, 2024
InicioComarcasLouriñaMos inicia a contratación da segunda fase da humanización de Cela

Mos inicia a contratación da segunda fase da humanización de Cela

A obra ten un prazo de execución de 4 meses e un orzamento de preto de 436.000 euros

 A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, anunciaba esta mañá nas inmediacións da Igrexa de San Pedro de Cela (ata onde chegará a segunda fase da humanización na devandita parroquia) que o Concello de Mos vén de recibir a notificación da concesión de subvención por importe de 435.801,90 euros con destino ao financiamento do investimento “Humanización da estrada Generoso Domínguez dende o camiño da Quinta ata a Igrexa de San Pedro de Cela”, con cargo á cantidade que lle correspondeu no reparto do Plan Concellos 2021.

A rexedora local mosense amosábase hoxe satisfeita de seguir dando continuidade ao seu proxecto Mos Humanizado que cobrou forza na presente lexislatura ao tratarse dunha das apostas claras do seu último programa electoral. “Con esta nova obra de humanización continuamos a dar pasos firmes e áxiles cara a un Mos verdadeiramente humanizado, o Mos das persoas e para as persoas”, declaraba Arévalo.

A finais do pasado ano 2020 o Pleno do Concello de Mos aprobaba por unanimidade a expropiación necesaria para acometer esta segunda fase da humanización Cela. Tratábanse de 5 parcelas afectadas para a realización da obra e da expropiación dun propietario.
Agora, co crédito necesario a través da subvención, iníciase o procedemento de contratación dunhas “obras de importancia capital para a parroquia de Cela e para a veciñanza mosense en xeral”, tal e como a propia alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, explica.
Trátase da segunda fase da humanización de Cela que abarcará desde a estrada Generoso Domínguez, á altura do Camiño da Quinta, ata Igrexa de San Pedro de Cela. O Orzamento Base de Licitación incluído IVE, ascende á cantidade de 435.801,90 € e estímase un prazo aproximado para a execución das obras, unha vez iniciadas, de 4 meses.
A primeira fase deste proxecto, executada durante os meses de xaneiro a marzo de 2019, vai desde a Estrada PO-331 Porriño-Gondomar ata o Camiño da Quinta, e tiña un orzamento de 177.277,02€ máis IVE co que se acometeu a execución dunha nova beirarrúa de 337 metros de longo e de 2 metros de ancho na marxe esquerda (parte Norte do viario).
A actuación agora proxectada ten por obxecto a segunda fase de humanización da Estrada Generoso Domínguez, nunha lonxitude de 321 m entre o camiño da Quinta e a Igrexa de S. Pedro de Cela, que inclúe a creación dunha nova beirarrúa de 2 m de ancho na marxe esquerda (parte Norte do viario). Esta beirarrúa estará axustada á aliñación que define o PXOM, o cal aumenta o ancho actual, duns 5 m, a 10 m previstos no Plan, o cal require o deseño de novos muros de contención nalgunhas zonas. Na marxe norte proxéctanse eses 4 novos muros que suman un total de 234 metros de lonxitude.
Dacordo coas directrices de deseño, proxéctase unha nova beirarrúa de 2 m de ancho pola marxe esquerda (Norte), axustada á aliñación definida no PXOM, para o que é necesario ampliar a plataforma actual. A beirarrúa dispoñerá de vaos de acceso a parcelas.
A sección de beirarrúa será de formigón coloreado. Deséñase unha sección de beirarrúa formada por elementos tales como 15 cm de pavimento continuo de formigón armado coloreado (verde ou a escoller) e 15 cm de base de Zahorra Artificial.
Cando a beirarrúa discorre nos tramos de acceso a parcelas, refórzase a sección para soportar as cargas de vehículos, substituíndo o pavimento de formigón coloreado por pavimento de lastra de formigón.
Debido ao perigo do tramo, con anchos de apenas 5 m para o cruzamento de vehículos, e curvas pechadas, sen visibilidade, proponse a ampliación da plataforma nos puntos máis restritivos, dentro dos límites das aliñacións do Plan vixente, para mellorar o trazado e posibilitar o cruzamento de grandes vehículos con maior seguridade.
A ampliación da plataforma para a creación de itinerarios peonís e a mellora da eficiencia enerxética da rede de servizo, implican a revisión do estado actual da instalación dunha nova rede de iluminación pública, que consta de novo cadro de mandos, situado no centro de cargas, do que parten dous circuítos, gabia para iluminación pública, enterrada baixo beirarrúa, por onde discorrerá o cableado, e novos farois, situados ao bordo da nova beirarrúa. Dispoñeranse puntos de luz de maneira unilateral na marxe esquerda cada 30 m aproximadamente. O modelo para empregar será o composto por farol de 9 m con columna galvanizada azul troncocónica e luminaria led.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES