sábado, abril 20, 2024
InicioComarcasLouriñaMos estrea web turística

Mos estrea web turística

www.mosnocamiño.es contén información do Camiño Portugués e foi elaborada polo alumnado do Obradoiro Municipal de Emprego “Mocidade no Camiño”

O salón de actos da Axencia de Colocación de Mos acolleu a presentación da páxina web “Mos no Camiño”, confeccionada polos 8 alumnos/as traballadores/as do Obradoiro Municipal de Emprego “Mocidade no Camiño” (que rematou o pasado 14 de outubro) da especialidade formativa de deseño de produtos gráficos e multimedia.

A web, que xa está operativa na ligazón mosnocamiño.es contén información do Camiño Portugués a Santiago de Compostela ao seu paso por Mos e dos principais lugares de interese histórico, patrimonial, cultural e paisaxístico do Concello de Mos, aínda que non se atopen localizados exactamente no Camiño.

Trátase dun excelente, estético e profesional traballo de deseño gráfico, web, programación, fotografía e vídeo, que aporta unha atractiva visión da localidade mosense como destino turístico, de lecer, interesante para visitar e incluso ser coñecido máis en profundidade pola propia veciñanza.

É unha plataforma moi práctica, intuitiva e de navegación sinxela que inclúe desde consellos prácticos para facer o Camiño, ata Apps para peregrinos, ligazóns de interese, mapas coas localizacións destacadas e/ou recomendadas, descricións do patrimonio histórico e cultural mosense, material didáctico sobre a historia da orixe de Mos, información útil sobre albergues, etc.

As concelleiras de Promoción Económica, Desenvolvemento Empresarial e Emprego, Julia Loureiro, e de Cultura e Turismo, Sara Cebreiro; o profesor da especialidade responsable da creación desta ferramenta dixital, Diego Seixo, e dous alumnos traballadores do Obradoiro de Emprego, Ana Misa e Iván Domínguez, estiveron no acto de presentación.

Julia Loureiro:

 

Diego Seixo:

 

Iván Domínguez:

 

Os 8 alumnos/as traballadores/as participaron e contribuíron activamente na creación desta web. Así mesmo houbo dous que fixeron unha aportación un tanto máis especial como foron Sergio Lorenzo, encargado da edición do vídeo incluído na páxina, e Alex Camiña, que compuxo a música orixinal do mesmo.

En definitiva, “Mos no Camiño” é unha ferramenta moi interesante tanto para o peregrino como para a propia veciñanza. Xa que inclúe os eventos culturais, sociais, deportivos e musicais que se organizan no municipio, así como lugares de interese en todas as parroquias.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES