viernes, abril 19, 2024
InicioComarcasLouriñaMos cede a Cogami un piso municipal para vivenda de transición

Mos cede a Cogami un piso municipal para vivenda de transición

O convenio de colaboración permite desenvolver á asociación o Proxecto RUMBO durante un ano

O Concello de Mos súmase ao Proxecto RUMBO de Cogami cedendo unha das vivendas sociais das que ten en propiedade en San Eleuterio, para que pase a ser utilizado pola asociación como vivenda de transición na que convivan catro usuarios/as da mesma. Cogami xa dispón doutra Vivenda de transición no Rebullón.

Para elo esta mañá a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o presidente de Cogami, Anxo Queiruga, asinaron un protocolo de colaboración no propio piso municipal en San Eleuterio, en presenza da concelleira de Política Social, Sara Cebreiro.

Trátase dun protocolo de colaboración entre o Concello de Mos e Cogami para a participación no Proxecto RUMBO: cara a un modelo de autonomía persoal conectada e inclusiva.

O convenio ten por obxecto a colaboración de Cogami co Concello de Mos, en relación co Proxecto RUMBO: un proxecto piloto experimental, a nivel nacional (5 comunidades autónomas), co que se pretende implementar un novo modelo de apoio á autonomía persoal, mediante a combinación de servizos e recursos que permitan evitar a institucionalización e manter ás PCD na súa contorna, facilitando formas de vida inclusivas en condicións de seguridade, accesibilidade e benestar.

O proxecto Rumbo desenvólvese en diversos territorios, as entidades autonómicas vinculadas a COCEMFE, FEDACE, ASPACE, PREDIF e a Confederación Autismo España. O Proxecto RUMBO, de innovación en materia de prevención da institucionalización, desinstitucionalización e desenvolvemento de servizos de apoio comunitarios no ámbito dos coidados de longa duración, vinculados cos Fondos Next Generation e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, que se desenvolve en 8 liñas de traballo: servizo de adecuación e personalización da Vivenda. Servizo de vivendas de transición á vida independente. Servizo de promoción de aloxamento inclusivo. Transformación de centros residenciais cara a recursos de apoio integral á vida independente. Servizos sociosanitarios de proximidade. Servizo de apoio comunitario para a participación e promoción da cidadanía activa. Creación dun novo catálogo de servizos de promoción da autonomía persoal. Transferencia de modelo de desinstitucionalización.

O obxectivo deste protocolo de colaboración é a participación das dúas entidades nas actividades: servizo de promoción de aloxamento inclusivo, a través da investigación sobre a existencia de vivendas municipais accesibles, asesoramento e realización de formacións sobre accesibilidade universal e aloxamentos inclusivos, aos técnicos municipais.

A misión de Cogami é conseguir a plena inclusión das persoas con discapacidade en todos os ámbitos da sociedade a través da defensa e promoción dos seus dereitos, a reivindicación do cambio social, a potenciación do movemento asociativo e a prestación de servizos que satisfagan as súas necesidades e expectativas. Cogami realiza o proxecto Rumbo dende a óptica de desenvolver os seus servizos desde a perspectiva do que necesita a persoa para desenvolver o seu plan de vida na súa contorna natural, traballando conxuntamente coa comunidade, a persoa e a súa contorna efectiva para incrementar ao máximo a súa autonomía no seu lugar de desenvolvemento, evitando a institucionalización.

A finalidade de Cogami co Proxecto RUMBO é a execución das actuacións que se fixen nos seguintes plans de traballo nos que participa: servizo de adecuación e personalización da vivenda, servizo de vivendas de transición á vida independente e servizo de promoción de aloxamento inclusivo. A finalidade de Cogami co Proxecto RUMBO é, con respecto ao servizo de promoción de aloxamento inclusivo, evitar o recurso de residencias ou dependencia familiar facilitando aloxamento accesible ás PCD mediante as actividades deste paquete de traballo. A finalidade do Concello de Mos para participar no proxecto é mellorar os seus servizos dirixidos ás persoas con discapacidade para que poidan permanecer na súa contorna e poidan ter unha vida independente, ao mesmo tempo que fomentar a accesibilidade universal.

Pola súa banda o Concello de Mos cede a Cogami a vivenda municipal sita en Urbanización de San Eleuterio, Tameiga para as vivendas de transición do proxecto Rumbo, durante o ano 2023. O presente convenio de colaboración entrará en vigor desde o momento da súa firma e conservará a súa vixencia ata a duración estimada do Proxecto RUMBO, decembro de 2024. Este convenio de colaboración non comporta ningunha achega económica porque son asumidas no marco do Proxecto RUMBO, está financiado polos fondos NextGeneration da UE e polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES