jueves, abril 18, 2024
InicioComarcasLouriñaMos busca letra para o seu himno municipal

Mos busca letra para o seu himno municipal

O pleno aprobou as bases para a presentación de propostas, esta mañá na súa última sesión do ano, na que tamén se entregaron os calcetíns solidarios a toda a corporación

Este luns celebrouse o último pleno de 2021 no que se aprobaron por maioría as bases para a presentación de propostas para a letra do himno oficial do Concello de Mos. A aprobación das mesmas produciuse cos votos a favor de todos os membros da corporación municipal agás a abstención do BNG.

Mos conta cun himno municipal propio, a Alborada CAMIÑO DA ROSA, do gaiteiro e compositor Xulio Lorenzo (aprobado en pleno con data 18 de decembro de 2017), e agora, co obxectivo de que este himno conte ademais cunha letra que o diferencie do resto dos municipios, iníciase este procedemento.

Deste xeito redactáronse estas bases que rexerán a presentación de propostas para a posterior elección da letra para o himno de Mos.

A letra do himno deberá ser aprobada en pleno. Os participantes deberán ser os lexítimos titulares dos dereitos da letra e estar dispostos a ceder os seus dereitos ao Concello de Mos.

Sobre as características da letra, esta poderá presentar unha proposta calquera veciño, veciña ou colectivo (asociación veciñal, social, cultural, escola, grupo, centro educativo… ) de Mos ou doutro lugar. A letra terá que ser en galego e deberá ser acorde á historia, ás tradicións e costumes do lugar e á paisaxe do municipio de Mos. Deberá ser unha inédita do/a propio/a escritor/a ou compositor/a.

Serán valoradas todas as propostas presentadas no Rexistro Xeral municipal (de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas) dende o día seguinte á publicación no BOP e por un prazo de 60 días naturais.

A valoración das propostas realizarase entre un xurado profesional (50 % da puntuación) que constituirá unha mesa de traballo, a Corporación Municipal (25% da puntuación) que tamén constituirá unha mesa de traballo formada por cada un dos voceiros de cada partido político e un xurado popular (25% da puntuación).

Como membros do xurado popular poderán votar todas aquelas persoas que o desexen. Só será contabilizado un voto por persoa e unicamente poderase votar a través da aplicación específica «A letra do noso himno» creada para tal fin, e que estará vencellada única e exclusivamente á web municipal.

Unha vez sexa elixido o himno, será levado a pleno para a súa aprobación e será o secretario municipal o encargado de iniciar os trámites necesarios sobre este asunto indicando a Lexislación aplicable e o procedemento posterior a seguir. O himno será presentado oficialmente o 13 de xuño de 2022, Día da Rosa.

Calcetíns solidarios e inclusivos

Por outra banda a sesión plenaria desta mañá rematou co agasallo municipal para a todos os membros da corporación dun par de calcetíns do proxecto “O Deporte Inclue- T na Escola”.

A alcaldesa, Nidia Arévalo, entregoullos un por un a cada un dos concelleiros e concelleiras dos diferentes grupos, xunto cunha sudadeira co emblemático slogan municipal SOMOSMOS.

O programa “O Deporte Inclue- T na Escola” permite aos 108 alumnos de 3º da ESO do IES de Mos experimentar os valores do deporte inclusivo da man de grandes referentes como os paralímpicos galegos Susana Rodríguez Gacio ou Chano Rodríguez. Este proxecto pioneiro inclúe deporte, integración, valores e emprendemento xuvenil. Grandes deportistas de elite, destacados adestradores e profesores de educación física de toda Galicia, foron os relatores de luxo cos que contaron os Talleres en Valores que se viñeron impartindo a alumnos e profesores do IES de Mos durante as últimas semanas. Entre eles, destacan o bicampión do mundo de fisioculturismo Arturo Castañeda Cid, Luís Piña (adestrador de Susana Rodríguez Gacio, ouro en tríatlon adaptado en Tokio 2020) e Chano Rodríguez (o nadador paralímpico español con máis medallas de ouro). Eles transmitiron de primeira man valores imprescindibles na práctica dos deportes de elite, e tamén desexables para todos os ámbitos da vida: compromiso, ilusión, esforzo, resiliencia, constancia, autoestima, perseveranza, inclusión, diversidade… Eses valores do deporte, as experiencias e evolución dos deportistas, as actitudes imprescindibles para alcanzar os obxectivos propostos, así como a necesidade de atención á diversidade no deporte, foron algunhas das temáticas tratadas nas charlas e coloquios altamente inspiracionais.

O programa culmina coa posta en práctica destes valores a través dun proxecto de emprendemento cuxo obxectivo é recadar fondos para financiar a súa excursión de fin de curso e destinar a metade do recadado ás Exclavas da Virxe Dolorosa (centro residencial e educacional para mulleres con discapacidade intelectual de Mos). Os alumnos participan activamente no proxecto de xestión semiempresarial, onde se implicaron no deseño, promoción e venda un produto personalizado por eles mesmos. Para iso impartíronse uns Talleres de Creatividade onde deseñadores profesionais ensinaron aos estudantes técnicas de ilustración e exemplos gráficos de modelos practicando deportes paralímpicos. Cada alumno fixo un debuxo propio que, combinado co dos seus compañeiros, serviu para personalizar uns calcetíns de deporte que puxeron á venda.

O Concello de Mos sumouse a esta iniciativa para implicar tamén aos comerciantes do municipio.

Do mesmo xeito que en calquera aventura empresarial, os estudantes teñen que utilizar habilidades relacionadas co márketing, a comunicación, relacións públicas ou a comercialización para conseguir o seu obxectivo. O proxecto implica a colaboración de profesores e alumnos, permitindo poñer en práctica os ensinos teóricos das aulas, e facéndolles ver aos mozos a súa aplicación e valor na vida real. Ademais tocaron de forma transversal moitas das disciplinas educativas como plástica, educación física, lingua castelá, galega e inglés, matemáticas, historia, orientación, etc. O programa “O Deporte Inclue- T na Escola”, liderado polo IES de Mos e que se divulgará entre outros institutos de España, conta cunha subvención da Xunta de Galicia, o apoio do Concello de Mos a través dos comerciantes locais e a colaboración de MrBroc Business, unha empresa galega de servizos de márketing experiencial dixital a empresas cunha tecnoloxía propia de personalización de produtos con ilustracións do usuario. Os calcetíns solidarios personalizados polos alumnos do IES de Mos xa se poden encargar en mrbroc.com/fundraising

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES