viernes, marzo 29, 2024
InicioComarcasLouriñaMos Axuda reparte 11.500 quilos de alimentos

Mos Axuda reparte 11.500 quilos de alimentos

Logo desta entrega comezan a traballar a pleno rendemento na campaña de Nadal

O equipo de voluntarios e voluntarias de Mos Axuda fixo na tarde deste martes o último reparto do ano de alimentos ás familias usuarias dos servizos sociais comunitarios do Concello de Mos, previo á entrega que se fai no mes de decembro con produtos de Nadal con motivo das festas.
Así o informaron a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, que anunciaron ademais que desde hoxe o departamento municipal que dirixe Cebreiro e Mos Axuda comeza a traballar a pleno rendemento na campaña de Nadal de recollida de alimentos polos colexios, supermercados e locais das asociacións do municipio. Habitualmente colaboran nesta campaña tanto particulares como empresas mosenses.
Na tarde de onte repartíronse un total de 11.500 quilos, 11 toneladas e media de alimentos non perecedoiros, facilitados a Mos Axuda pola Cruz Vermella.
O Concello de Mos a través de Mos Axuda e grazas ás aportacións de Cruz Vermella, veciñanza, empresariado e tecido asociativo, vén repartindo nos últimos anos unha media anual de 40 toneladas de alimentos.
A rexedora local e a edil quixeron agradecer neste senso “non só as aportacións materiais de particulares e entidades, senón tamén o arduo labor das persoas voluntarias de Mos Axuda que, co seu tempo e traballo, contribúen a facilitarlle a vida aos mosenses que máis o necesitan” e tamén informaron por último de que en Mos hai 3 programas de voluntariado en marcha cun total de 52 voluntarios/as: o Programa de Voluntariado Xuvenil con 28 voluntarios/as (15 de Protección Civil, 8 de Mos Axuda e 5 de voluntariado medioambiental), o Programa Senior con 9 voluntarios/as (1 de voluntariado dixital e 8 de acompañamento de maiores); e o Programa de Voluntariado en Igualdade con 15 voluntarios/as para os puntos violetas en eventos. “A todos darlles as grazas pola súa entrega desinteresada por e para axudar aos demais”, concluíron Arévalo e Cebreiro

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES