viernes, marzo 29, 2024
InicioComarcasLouriñaExposición de encaixe de bolillos vinculado ao Camiño en Mos

Exposición de encaixe de bolillos vinculado ao Camiño en Mos

A Asociación de Palilleiras de Mos expón no Pazo de Mos a mostra «O Camiño do Encaixe» que pode visitarse até o 11 de setembro, de 16.00 a 20.00 horas. Prepara tamén un desfile de prendas para o 28 de agosto.

Ambas iniciativas culturais vencelladas ao Camiño presentáronse no pazo nun acto ao que asistiu  a autora de todas as pezas de encaixe de bolillos da mostra, Ana Rosa Lista Sebe, xunto con Montserrat Pereira Troitiño, presidenta da Asociación de Palilleiras de Mos, Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Marta Fernández-Tapias, delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Sara Cebreiro, concelleira de Participación Cidadá e Cultura e Turismo mosense, e demais membros da Corporación Municipal do Concello de Mos.

A exposición aberta ao público desde hoxe ata o 11 de setembro (no Pazo de Mos en horario de 16.00 a 20.00 horas) e o desfile e concurso programados para o vindeiro 28 de agosto, enmárcanse dentro dunha proposta da Asociación de Palilleiras de Mos para o programa “O Teu Xacobeo” da Xunta de Galicia.

Nas súas pezas a artesá galega, Ana Rosa Lista Sebe, vencella a arte de palillar co patrimonio cultural e artístico dos Camiños de Santiago a través da simboloxía e dos edificios emblemáticos que transcorren polas rutas xacobeas.

O programa inclúe tamén a celebración de dous obradoiros, “Os Camiños do Encaixe I e II”, que serán impartidos por Lista Sebe os días 18 e 19 de setembro, dirixidos a todos aqueles que queiran ben iniciarse nesta arte ou especializarse e que terán lugar no Pazo dos Marqueses de Mos.

Asemade, o 28 de agosto na contorna do Pazo de Mos celebrarase un desfile con prendas do Concurso de Noveis Deseñadores convocado tamén para esa mesma data, e coa presenza tamén de pezas de deseño de varias firmas galegas de moda.

O programa autonómico “O Teu Xacobeo” financia estas iniciativas das Palilleiras de Mos con motivo do Ano Santo, e co obxectivo de impulsar a vertente artística, tradicional e cultural do municipio, pero tamén para ser un revulsivo para a recuperación turística da zona tras as consecuencias da crise sanitaria da COVID-19.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES