sábado, abril 20, 2024
InicioComarcasLouriñaEscolares plantan árbores no Porriño para celebrar o Día dos Bosques

Escolares plantan árbores no Porriño para celebrar o Día dos Bosques

21 novos castiñeiros, 15 cerdeiras, 10 freixos, 10 carballos do país, 10 carballos americanos e 4 pradairos forman parte da masa forestal do municipio

222 escolares do Porriño celebraron o Día Internacional dos Bosques plantando 70 exemplares no monte. Dende o Concello do Porriño e a consellería de Medio Rural organizouse unha xornada de reforestación que se desenvolveu nos montes da Entidade Local Menor de Chenlo, unha zona de utilidade pública que terminará sendo un gran miradoiro forestal.
Acompañando aos nenos e nenas estiveron o conselleiro de Medio Rural, José González; o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Educación, Carolina González, que participaron tamén na plantación.
En total foron 70 novos exemplares de especies autóctonas – 21 castiñeiros, 10 freixos, 15 cerdeiras, 10 carballos do país, 10 carballos americanos e 4 pradairos- que xa forman parte da masa forestal do Porriño.
Varias brigadas do servizo de montes formadas por técnicos forestais foron os encargados de conducir aos alumnos e alumnas na actividade, ademais de entregarlles material divulgativo e organizar os xogos que se levaron a cabo sobre concienciación ambiental. Os bombeiros forestais sumáronse á xornada e fixeron un simulacro de incendio para que os cativos e cativas coñeceran como se actúa en caso de lume.
“Cremos firmemente na importancia da educación ambiental para mellorar e preservar o medio e tamén no esforzo conxunto de administracións e axentes sociais para conseguilo”, apuntou o alcalde. “Este 21 de marzo queremos lembrar aos pequenos a importancia de protexer as superficies arboradas como forma de garantir o futuro do noso planeta e demostrarlles que eles poden participar do cambio”.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES