viernes, marzo 29, 2024
InicioComarcasLouriñaEndurécense os controis Covid en Salceda

Endurécense os controis Covid en Salceda

A Garda Civil realizou máis dunha ducia de denuncias por consumo de tabaco sen distancia de seguridade ou por non usar a máscara protectora

Segundo informou o Concello de Salceda de Caselas nos últimos días, a Garda Civil e a Policía Local intensificaron os controis Covid no municipio, que se mantén sen ningún caso activo de coronavirus dende o pasado 23 de marzo. Precisamente para poder manter ese excelente dato, nestes días estanse a intensificar as tarefas de vixilancia no que a medidas Covid se refire, pois co remate da Semana Santa e cos datos nada esperanzadores que chegan e que fan temer unha inminente cuarta onda, faise imprescindible un maior esforzo aínda no cumprimento da normativa.
Deste xeito, nos últimos días lévanse tramitado diferentes denuncias por consumo de tabaco sen gardar a distancia de seguridade, ou por permanecer sen máscara protectora sen xustificación algunha.
En canto ao tabaco, as denuncias céntranse en diferentes terrazas dos establecementos hostaleiros nos que se ten detectado clientela fumando e saltándose a prohibición vixente, así como no mercado semanal dos mércores, onde se teñen detectado tamén diversos incumprimentos neste sentido por parte dalgunhas persoas responsables dos postos de venda ambulante.
No que se refire ao uso da máscara protectora, tamén nos últimos días se levan realizado diversas denuncias a persoas que circulaban pola vía pública sen a correspondente máscara, ou levándoa baixo o queixo, así como a xente que permanecía nas terrazas da hostalería sen facer uso da máscara a pesares de non estar consumindo.
Dende o Concello de Salceda, a través das redes sociais oficiais, infórmase permanentemente dos casos activos no municipio, incidindo na importancia do cumprimento das medidas Covid como único xeito de manter a cero o contador dos casos activos. Neste sentido a concelleira de Seguridade, Lucía Pereira, asegura que “as forzas de seguridade están a intensificar o control e a vixilancia do cumprimento das normas, pois é o único xeito de garantir a seguridade da veciñanza e de manter estes datos positivos”

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES