sábado, abril 20, 2024
InicioComarcasLouriñaEmilio Duró impartirá unha conferencia en Mos dirixida a empresarios

Emilio Duró impartirá unha conferencia en Mos dirixida a empresarios

O Concello de Mos, en colaboración co IGAPE, organiza o evento que será o xoves 30 de marzo ás 19.00 horas, no auditorio de Torroso

O asesor de empresas Emilio Duró impartirá a conferencia “El viaje de la vida: ¿Luces cortas o largas?” o vindeiro xoves, 30 de marzo ás 19.00 horas, no auditorio do Centro Dotacional de Torroso, en Mos. Organizada polo Concello de Mos, e en colaboración co IGAPE e a Xunta de Galicia, o relatorio persigue ser un complemento formativo para empresarios, autónomos e emprendedores. A inscrición é gratuíta ata completar a capacidade da sala e xa pode formalizarse a través da páxina web do Concello (www.mos.es).

A alcaldesa Nidia Arévalo destacou hoxe “a oportunidade que supón para os empresarios, emprendedores e autónomos do municipio contar coa presenza dun consultor da talla de Emillio Duró en Mos, un conferenciante de primeiro nivel que enche os auditorios co seu optimismo e consellos para afrontar os retos persoais e profesionais cunha actitude mental positiva”. Mos é o cuarto municipio industrial da provincia de Pontevedra, polo que, segundo a alcaldesa, “é necesario pór á disposición do seu tecido empresarial accións formativas como esta”.

Nado en Lleida en 1960, Emilió Duró é Licenciado en Ciencias Económicas pola Universidade Autónoma de Barcelona e pola Escola Superior de Administración e Dirección de Empresas (ESADE). Empresario, desde hai máis de 30 anos traballa como consultor e asesor das primeiras empresas do país. Como formador, colabora como convidado e profesor asociado en Universidades e Escolas de Negocios nacionais e internacionais, sendo amplamente recoñecido polas súas conferencias dirixidas ao sector empresarial. Colabora tamén con diferentes medios de comunicación.

As súas conferencias, cun particular estilo directo e con toques de humor, céntranse no poder que ten o optimismo no mundo empresarial e na importancia de ter unha actitude proactiva en todos os ámbitos da vida. Concretamente, en “El viaje de la vida: ¿Luces cortas o largas?”, Duró afondará na idea que de preto do 80% dos logros dependen da actitude que presenta cada un fronte aos retos e o difícil que é convivir con situacións emocionais que desconcertan. O consultor asegura que a xente optimista vive máis e obtén máis logros que os demais. Tamén dará luz sobre como conseguir o equilibro de tres cuadrantes fundamentais no ser humano: o físico, o emocional e o intelectual.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES