sábado, abril 20, 2024
InicioComarcasLouriñaChimpíns de prata para Tamar Novas e Marisol González

Chimpíns de prata para Tamar Novas e Marisol González

A asamblea da Asociación Cultural Arela, entidade organizadora do Festival de Cans, que terá lugar do 1 ao 4 de setembro, decidiu otorgar os seus chimpíns de prata honoríficos desta edición á veciña de Cans e acordeonista Marisol González e ao actor Tamar Novas

Estes chimpíns, que levan os nomes dos lembrados veciños Divina Campos e Pepe Puime, concédense a persoas que destaquen na súa aportación na celebración do festival ou pola promoción e difusión do mesmo.

Marisol González, que comezara a tocar o acordeón nos anos oitenta na formación familiar “Os Catro Ventos”, recuperou hai poucos anos a práctica deste instrumento, para converterse nun referente na aldea, unha das almas do tradicional roteiro sonoro e mesmo compositora, co profesor Alex Balbuena, de dous temas que xa son un himno na aldea como “A Felisiña” ou o “Acuque de Cans”. O nome de Marisol González sumarase este ano ó de outros veciños xa homenaxeados no coñecido `Muro dos chimpíns´.

Pola súa banda, o actor Tamar Novas, é un asiduo do Festival de Cans desde as súas primeiras edicións. Malia súa xuventude, Novas ten participado en máis dunha ducia de filmes e numerosas curtametraxes, algunhas das cales pasaron polo Festival de Cans. Tamar Novas ten destacado por xogar un imprescindible papel de apoio ao festival no sector cinematográfico e no seu impulso constante nas redes sociais, onde cada ano visibiliza o seu apoio incondicional ao Festival de Cans.

Presentación das memorias de Celso Bugallo nos Coloquios Fundación AISGE, polos que pasarán Federico Pérez, Camila Bossa, Isabel Blanco ou Sabela Hermida

Tamar Novas será ademais o encargado de manter un coloquio co veterano actor Celso Bugallo, que presentará no Festival de Cans as súas memorias, impulsadas pola Fundación AISGE, entidade que protexe os dereitos de actrices e actores. Ambos intérpretes coñecéronse en 2004 no filme “Mar Adentro” de Alejandro Amenábar, que lles valeu senllos Goya, e o Festival promoverá este diálogo interxeneracional.

Bugallo, un dos actores máis prestixiosos de España, ademais do Goya por mellor actor de reparto por “Mar Adentro”, en 2005 foi galardoado co Premio Pedigree de Honor en Cans, e ten unha dilatada carreira con máis de 25 películas. Agora mesmo, ten pendente de estrea “El buen patrón”, a última película de Fernando León, onde comparte reparto con Javier Bardem.

Ademais da presenza de Tamar Novas e Celso Bugallo, numerosas actrices, actores e profesionais relacionados cos intérpretes, pasarán por estes coloquios AISGE, que terán lugar entre o mércores 1 de setembro e o venres 3 de setembro, ás 11.00 horas no popular Baixo de Carlos.

Outro dos coloquios estará centrado na relación entre lingüistas e intérpretes á hora de afrontar un texto dun filme ou das diversas series de televisión. Neste coloquio estarán presentes o actor Federico Pérez, as actrices Camila Bossa e Isabel Blanco e a lingüista Rosa Moledo, responsable lingüística de numerosos filmes ou de series tan coñecidas, con singulares xeitos de falar, como “Fariña” ou “Mareas Vivas”.

Finalmente, a actriz Sabela Hermida e o profesor e escritor José Luis Castro de Paz, manterán un coloquio arredor da figura de María Casares, a actriz máis internacional nacida en Galicia, con motivo do 25 aniversario do seu falecemento, e como antesala do seu centenario que o Festival de Cans está a preparar con numerosas actividades previstas na edición de 2022.
Para acceder a calquera destes coloquios, e debido ao protocolo COVID, é preciso realizar unha inscrición previa gratuíta en tenda.festivaldecans.com, pero a capacidade estará limitada a só 35 persoas.

Últimos paquetes de oferta de entradas á venda

Por outra banda, os paquetes de venda de entradas con desconto que o festival promoveu hai uns días, están a piques de esgotarse na sesión de tarde para as curtametraxes a concurso de ficción e animación. Con este desconto restan só 10 entradas de tarde e menos de 25 de mañá. O prezo actual de entrada, camiseta, catálogo e chapa de edición limitada é de 21,50 euros, e a partir do vindeiro domingo pasará a ser de 27 euros.

Para moitas das proxeccións, como as de “Beiras, Vivir 2 veces”, de Jorge Coira, Gaspar Broullón e Pepe Coira, ou “Donde habita la memoria”, o documental de Pablo Romero-Fresco con Ian Gibson de protagonista, están tamén a piques de despachar as últimas entradas e quedan en ambos casos menos de dez entradas dispoñibles.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES