viernes, marzo 29, 2024
InicioComarcasLouriñaAxentes da Policía Local do Porriño salvan a vida a unha bebé...

Axentes da Policía Local do Porriño salvan a vida a unha bebé que non podía respirar

A nena foi levada ao PAC da vila polos axentes mentres se lle efectuaban as manobras de primeiros auxilios conseguindo abrir as súas vías respiratorias antes de chegar ao centro médico

Momentos de tensión os vividos onte luns na xefatura da Policía Local do Porriño. Segundo indican fontes municipais, eran as 22.00 horas cando os pais dunha pequena de preto de dous anos de idade chegaban con ela en brazos ás dependencias policiais xa que non podía respirar.
Tras constatar que a menor sufría unha insuficiencia respiratoria, os axentes comezaron a realizar as manobras básicas de primeiros auxilios conseguindo que reaccionara. Ao non haber unha ambulancia dispoñible nese momento e comprobar que a pequena volvía quedar sen aire, os axentes desprazárona de urxencia xunto aos seus pais ao centro de saúde, mentres un deles continuaba a efectuar as manobras. De camiño, estas deron resultado e a pequena logrou expulsar as secrecións que lle impedían respirar e abrir a vía aérea, comezando a respirar con normalidade.
En primeira instancia a nena foi atendida no PAC do Porriño e posteriormente trasladada ao Hospital Álvaro Cunqueiro e hoxe xa se atopa no seu domicilio e recuperándose.
Dende a Concellería de Seguridade, que dirixe Abel Estévez, e dende a Alcaldía, agradeceron á Policía Local do municipio o labor realizado, grazas á formación e preparación destes funcionarios e salientaron que o vindeiro ano, realizarán un curso de reciclaxe de primeiros auxilios para todos os funcionarios policiais, a fin de garantir a capacidade de afrontar situacións como a vivida onte e resolvelas satisfactoriamente.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES