viernes, marzo 29, 2024
InicioComarcasLouriñaAs curtas premiadas no Festival de Cans proxéctanse no rural do Porriño

As curtas premiadas no Festival de Cans proxéctanse no rural do Porriño

Haberá un total de sete sesións, que arrancarán esta fin de semana en Carracido e Mosende

O Festival de Cans e o Concello do Porriño promoven este ano unha nova edición de Cinemaldea, unha iniciativa que achegará ás zonas rurais do municipio unha selección das curtametraxes premiadas na última edición.
É o segundo ano consecutivo que se pon en marcha esta idea que busca achegar o cine e as novas e novos creadores ás parroquias rurais que habitualmente non teñen acceso ao cinema. O pasado ano celebrouse por vez primeira e, malia estar aínda baixo as restricións da pandemia, máis de 200 persoas asistiron ás proxeccións físicas nas diversas aldeas.
Dado o éxito da convocatoria do pasado ano, o Concello do Porriño convidou de novo a todas as asociacións que o desexasen, a formar parte da segunda edición de Cinemaldea. En total sete foron as asociacións culturais e veciñais que se sumaron. As proxeccións arrancarán esta fin de semana e continuarán todas as do mes de novembro.
Este sábado 5 de novembro, ás 20.00 horas, terá lugar a primeira das proxeccións no Centro Cultural As Mimosas de Carracido e o domingo, ás 18.00 horas, no Centro Cultural San Xurxo de Mosende. As seguintes datas serán en Chenlo, o domingo 13 de novembro, na Asociación Casal-Chan de Budiño o venres 18 de novembro e en Cans o domingo 20 de novembro. As dúas últimas que pecharán o ciclo, serán no Centro Cultural de Atios o sábado 26 e na Forna de Budiño o domingo 27. Todas as proxeccións serán de acceso gratuíto ata completar o aforo.

Curtas preseleccionadas nos Premios Goya
Este ano dáse ademais a circunstancia que as dúas curtas que levaron dous dos premios principais na última edición do Festival de Cans, foron preseleccionadas a pasada semana entre as curtametraxes que optarán aos Premios Goya á mellor curta de ficción, previo paso a unha creba final na que quedarán catro. Tanto “Rompente” de Eloy Domínguez Serén, que levou o Premio do Xurado en Cans, como “La Entrega” de Pedro Díaz, que levou o Premio do Público, estarán na carreira polos Goya e poderán verse nesta nova edición de Cinemaldea.
Ademais destas dúas curtametraxes, nestas sesións de cinema no rural tamén se poderán ver “Devoradora de nenos” de Fran X. Rodríguez, que levou o Premio Aisge á mellor interpretación masculina para o coñecido actor Santi Prego, e o documental “18 Cans, maioría de idade” da realizadora Isaura Docampo, que plasma o espírito da anterior edición do Festival de Cans, coas veciñas e veciños, a organización e actores, actrices e directores que pasaron polo certame.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES