jueves, marzo 28, 2024
InicioComarcasLouriñaAfaga e Concello do Porriño traballan para mellorar a atención ás persoas...

Afaga e Concello do Porriño traballan para mellorar a atención ás persoas con alzhéimer

A colaboración entre ambas entidades permitirá poñer en marcha varias iniciativas dirixidas á prevención, detección e atención da demencia nas persoas maiores.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Terceira Idade, Rosario Costas, mantiveron esta semana unha xuntanza coa a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Galicia (Afaga) para coñecer as súas propostas e necesidades, así como para amosar o apoio do Concello do Porriño ao labor que desenvolven.

O presidente de Afaga, Juan Carlos Rodríguez, e os representantes municipais valoraron iniciativas para poñer en marcha no Porriño que ampliarían notablemente a atención que se presta aos enfermos e ás súas familias, que na actualidade se limita á que poden dispensar na Unidade de Atención Diúrna Especializada que teñen no municipio. Este centro, que se rexe mediante convenio coa Xunta de Galicia, atende a 22 usuarios, todos eles persoas maiores con demencia tipo alzhéimer.

“Para poder loitar contra esta enfermidade e mellorar a calidade de vida dos que a padecen e das súas familias é moi necesaria a implicación de todos», apuntou o rexedor. «Estamos ademais nun momento complicado para as persoas con demencia, e en xeral para as persoas maiores, xa que as medidas de distanciamento social en moitos casos aceleraron o proceso de deterioro cognitivo e funcional, ademais de aumentar a sobrecarga que padecen as familias. Por iso é máis necesario que nunca intervir e dende o Concello traballaremos da man con Afaga para facelo».

Concello e Afaga traballan xa na posta en marcha de varias iniciativas no municipio dirixidas, por unha banda, á prevención da demencia e promoción de hábitos saudables para o envellecemento activo e, por outra, a prestar atención ás persoas diagnosticadas e ás súas familias.

Tras a que foi a primeira xuntanza de traballo entre ambas entidades, os representantes municipais visitaron aos usuarios do centro de atención, agradeceron ao persoal do mesmo o labor que desenvolven e animáronos a seguir traballando con entusiasmo. «Un entusiasmo que compartimos e que nos axudará a dar unha resposta máis ampla e eficaz ás persoas con demencia e ás súas familias», concluíu o rexedor

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES