sábado, abril 20, 2024
InicioComarcasLouriñaA Xunta supervisa os terreos que cederá o Concello de Mos para...

A Xunta supervisa os terreos que cederá o Concello de Mos para construír vivendas de promoción pública

Trátase dunha parcela de 2.000 m2 na que o IGVS se compromete a impulsar novas VPP destinadas aos veciños inscritos no Rexistro único de demandantes de vivenda

O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, supervisou esta mañá o estado e situación dos terreos que o Concello de Mos ten previsto ceder á Xunta para que constrúa vivendas de promoción pública (VPP) destinadas a atender a demanda residencial do municipio.

Escoitamos as declaracións de Heriberto García e Nidia Arévalo:

Acompañado pola rexedora, Nidia Arévalo, o director do IGVS desprazouse ata San Eleuterio, na parroquia de Tameiga, onde está localizada a parcela de 2.000 metros cadrados na que se proxecta a futura promoción e que forma parte dun terreo cun total de 6.000 metros cadrados, que tamén é de titularidade municipal na súa integridade.

Tal e como subliñou García, técnicos municipais e do IGVS mantiveron diversas reunións nos últimos meses, no marco da mesa de traballo impulsada entre Xunta e Concello, para analizar as necesidades de vivenda protexida no municipio e impulsar de forma coordinada un proxecto para construír novas VPP.

Neste sentido, cómpre subliñar que San Eleuterio é a zona seleccionada polo Executivo local para desenvolver de xeito máis inminente o parque de vivenda pública do municipio. De feito, a alcaldesa lembrou que a Xunta de Goberno local xa aprobou a cesión do referido solar e está previsto que se eleve ao pleno no mes de decembro.

Unha vez que dispoña da parcela referida, o IGVS encargarase de contratar a redacción do proxecto de construción, no que se definirán tanto o número como as características das futuras vivendas protexidas.

De forma paralela aos contactos co IGVS, o Concello de Mos abriu o pasado 1 de xuño unha listaxe municipal de demandantes de VPP co fin de tramitar a inscrición de todos os veciños interesados no rexistro único de vivenda protexida de Galicia, requisito imprescindible para acceder a este tipo de inmobles en compra ou en alugueiro

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES